Candidatura do Povo presenta un breve informe sobre a operación especulativa en Peleteiro e as nosas alternativas

O destino final do solar e o inmóbel do antigo Colexio Peleteiro continúa no centro da polémica despois de que se coñecese que o Concello de Compostela podería ter que pagar á familia propietaria a cantidade de 2.5 millóns de euros. Hoxe, sobre os terrenos en que asenta o vello colexio, paira, aínda, unha operación especulativa que, ao igual que no caso da Finca do Espinho, pretende criar rendibilidade privada sobre solares que poden ter unha utilidade social. A Candidatura do Povo elaborou un pequeno informe sobre esta operación e presenta tamén unha alternativa que nas próximas semanas compartillará co tecido asociativo local.

A historia que todos os veciños
e veciñas deberíamos coñecer

A operación inmobiliaria sobre o solar do antigo colexio Peleteiro comeza en 1999 cando aínda existía este centro de ensino de elite. Nesta altura, o Concello rexido polo bipartido PSOE-BNG suscribe un convenio coa familia propietaria do solar grazas ao que Raxoi ingresa 2.586.431,66 euros polo 10% de aproveitamento urbanístico despois da aprobación definitiva do Plano Especial de Reforma Interior (PERI) en 2005.

Coas modificacións antes introducidas no PXOM polo bipartido e a aprobación do PERI, que é apoiado polos tres grupos municipais, a edificabilidade no solar aumentaba desde os 12.000 metros cadrados iniciais de “dotacional educativo privado” ata os 23.500 de “uso residencial e comercial”. Este total traduciríase en 12.000 metros cadrados para a construción dun centro comercial, 7.000 para un hotel de luxo e 4.500 para edificar un máximo de 45 vivendas tamén de luxo nunha operación urbanística que tiña o Concello como cúmplice e carecía de calquera utilidade social, lesionando ademáis gravemente os intereses do pequeno comercio local.

Contodo, esta operación veuse abaixo en 2009 grazas á acción das comunidades de veciñas e veciños dos números 20-22 da rúa da Rosa e 13-21 de República Arxentina, que interpuxeron un recurso contencioso-administrativo contra o PERI. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anulaba o planeamento urbanístico e retornaba o solar á finalidade inicial de “dotacional educativo privado”, liquidando o macroproxecto por non aterse á lei. Esta sentenza sumábase a outra anterior, de 2003, que declaraba tamén ilegais as modificacións introducidas no PXOM polo bipartido para viabilizar o proxecto inmobiliario.

A política urbanística municipal impuxo
unha factura de 2.5 millóns á veciñanza

Agora, a familia Peleteiro pode reclamar a Raxoi os 2.5 millóns de euros pagos en 1999 que teríamos que abonar todos os veciños e veciñas. Pola súa parte, Nova Galicia Banco, que é a actual propietaria do solar despois de pagar aos Peleteiro 54 millóns –máis da metade dos orzamentos municipais para 2012!-, tamén podería reclamar “indemnización por danos” e esixir á familia a devolución do diñeiro se se sinte “enganada”.

A situación é por tanto moi grave. Estamos ante un novo caso de incompetencia municipal que se suma a outros que xa soportamos e que, ademáis, se produce nun momento de grave crise social, con máis do 22% dos veciños vivindo no límite da pobreza e case 10.000 desempregadas oficiais: o conxunto da veciñanza podemos estar a punto de ter que pagar, “a escote”, os 2.5 millóns aos que habería que sumar os intereses deste diñeiro desde 1999.

Neste sentido, a concelleira de Urbanismo María Pardo (PP) parece estar tranquila porque “por agora”, segundo declarou recentemente, a familia aínda non reclamou a cantidade. Pola súa parte, o ex alcalde Sánchez Bugallo (PSOE), co seu cinismo habitual, chegou a afirmar que “iso non é un problema”, desresponsabilizándose das negativas consecuencias sociais da súa operación. Aínda así, a pesar de toda esta incompetencia evidenciada nos tribunais, o goberno municipal do PP non renunciou á operación urbanística no solar de Peleteiro: María Pardo anunciaba este mes que “é posíbel” sacar adiante o proxecto, cumprindo agora a lei e alterando a calificación do solar para viabilizar a iniciativa que o Concello compartilla con Nova Galicia Banco.

Estamos en mans
de incompetentes?

Esta operación urbanística súmase, por outra parte, á pelotada inmobiliaria que se prepara para a Finca do Espinho, onde tamén se pretende reconverter o uso social do solar para construir vivendas de luxo. De novo, o Concello encóntrase compinchado aquí noutra operación urbanística que non beneficiará en absoluto á veciñanza de Compostela, nen a un espazo natural como O Espinho, aínda que sí poda favorecer a Nova Galicia Banco, Inmobiliaria Layetana e outros intereses privados.

Desde a Candidatura do Povo, ademáis de denunciar esta política urbanística municipal absolutamente fraudulenta e servíl aos intereses empresariais, valoramos que as veciñas e veciños debemos superar a resignación ante estas corruptelas e reaxir con claridade e contundencia. É inaceptábel que permitamos que, co noso traballo e cos nosos impostos, se materialicen operacións inmobiliarias que só favorecen a empresas privadas e responsábeis municipais. É necesario construir unha alternativa ao macroproxecto comercial, hosteleiro e de vivendas de luxo que, antes o bipartido, e agora o PP, pretenden impor no solar de Peleteiro en canto as condicións económicas e legais o permitan.

A nosa cidade non necesita vivendas de luxo, cando cada día hai veciños que son botados das súas casas polos bancos e entre 6.000 e 11.000 vivendas están baleiras; a nosa cidade non necesita máis hoteis, porque a oferta está totalmente sobredimensionada, sen chegar á ocupación plena, grazas á política de monocultivo turístico e, en fin, a nosa cidade non necesita máis áreas comercias porque son estas as que están a destruir o emprego no pequeno comercio local e xerar, por contra, un tipo de postos de traballo caracterizados pola temporalidade, a precariedade e os baixos salarios e piores condicións sociolaborais.

Propomos unha alternativa social
para o solar do colexio Peleteiro

Despois de que marchasen os estudantes en 2009, a Policía española ocupou o edificio mentres se reformaba a comisaría de Rodrigo de Padrón ata 2011. Unha vez baleiro, antes de que fose pública a imputación por fraude fiscal de Conde Roa, o ex rexedor solicitara a Nova Galicia Banco que tapiase o inmóbel para “evitar incidentes como o da Sala Yago”, pero esquecía solucionar o problema real: desbotar a operación urbanística en Peleteiro e ofertar unha alternativa para que o solar tivese unha finalidade que interesase á maioría da veciñanza.

Agora, o novo alcalde Ángel Currás, que parece non renunciar ao macroproxecto con NGB, propuxo destinar o patio do colexio a área de xogo infantíl. A CANDIDATURA DO POVO súmase Á proposta, pero, máis alá de xestos para a galería que non resolven a cuestión de fondo, somos conscientes de que a solución non pode ser transitoria e esixe un proxecto alternativo para o solar.

O proxecto que a CANDIDATURA DO POVO propón á veciñanza e, incluso, aos grupos municipais con presenza en Raxoi que se desmarquen da operación urbanística en Peleteiro, pretende traducirse en reivindicación veciñal nas nosas rúas, contruir unha oposición popular aos proxectos comerciais hoxe en stand by e fundamentarse nos seguintes usos para o inmóbel e o solar:

1. Aloxamento de persoas en situacións de emerxencia ou exclusión social, con vivendas independentes onde podan residir veciños e veciñas empobrecidas pola crise e sen posibilidade de acceso á vivenda, persoas desafiuzadas polos bancos, etc. Unha comisión municipal, con participación veciñal, encargaríase de perfilar a normativa de usos e a xestión deste servizo social.

2. Locais para asociacións veciñais e colectivos da cidade. Unha das principais limitacións que dificulta a dinámica asociativa en Compostela, así como o exercicio efectivo do dereito de reunión, é a carencia de espazos físicos. O recente cerramento por parte do Concello de varios centros socioculturais municipais non fixo máis que agravar esta situación e o inmóbel de Peleteiro ofrece unhas condicións óptimas, con pequenas obras de adecentamento, para este uso social.

3. Centro de Atención Integral ás Mulleres. Nesta cuestión, o desinterés das actuais autoridades locais, que ven condicionado pola vinculación á secta fundamentalista Opus Dei e a ideoloxía ultraneoliberal que predomina na equipa municipal do PP, con Paula Prado á cabeza, fai que as mulleres de Compostela en situacións de emerxencia (maus tratos, desemprego, desafiuzamentos bancarios, etc.) carezan dos servizos sociais necesarios para satisfacer necesidades primarias. A criación deste centro podería contribuir decisivamente a solventar esta necesidade social.

4. Espazo para obradoiros, conferencias, criación cultural e artística nunha localización privilexiada como é o centro da cidade, con carácter municipal, xestión compartillada entre as asociacións e o Concello e accesíbel á veciñanza de todo o termo municipal, xerando así un punto de encontro, mestura e interrelación entre persoas, asociacións e áreas de coñecemento.

5. Criación de emprego municipal protexido nos distintos servizos que debería ofrecer o inmóbel, tais como limpeza, lavandaría, cociña, mantemento, servizo de cafetaría, etc.

Apostamos por tanto por situar ao servizo da veciñanza o solar e o inmóbel de Peleteiro, fazendo as rehabilitacións necesarias, evitando a dilapidación de diñeiro público que implica o seu abandono ou demolición e aplicando as obras de carpintaría, electricidade, isolamentos, pintura, etc. precisas para que, á vez que todas as veciñas e veciños gañamos, se paralise unha operación especulativa agora paralisada que só beneficiará aos intereses que vimos de denunciar.

A utilidade social de Peleteiro pasa, necesariamente, porque o Concello xestione co banco propietario do solar e o inmóbel a cesión de ambos á propiedade municipal. Esta alternativa que ofrecemos e daremos a coñecer ao tecido asociativo da nosa cidade para que se traduza nunha reivindicación compartillada por todos e todas e nunha esixencia ao Concello para mudar o seu macroproxecto para Peleteiro.

About these ads

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s