Temos principios

DECLARACIÓN DE PRINCIPIOS

1. Surximos para servir ao pobo. A Candidatura do Pobo nace da vontade de veciñas e veciños da cidade fartos de contemplar o cambalache institucional, o entreguismo dos partidos aos intereses de promotores, construtores e imobiliarias e a ausencia de democracia e participación. Somos mulleres e homes da rúa, que viven do seu traballo, persoas que participan nos movementos sociais, sindicais e políticos comprometidos cos intereses populares galegos sen ataduras aos poderes económicos. Chegamos para servir ao pobo e para ficar. Sexan cales fosen os resultados do 22-M, a Candidatura do Pobo seguirá sendo o aguillón cotidiano contra os poderosos, os mercaderes e os corruptos.

2. Estamos contra o apoltronamento institucional e a corrupción. A democracia que hoxe soportamos caracterízase pola corrupción, o autoritarismo, o clientelismo e a subordinación da política local aos mercados, é dicir, ao poder empresarial. A Candidatura do Pobo surxe para combater e denunciar estas práticas. As nosas candidatas e candidatos son xente coñecida e honesta que participa na política municipal para defender os intereses de todos e todas. Desde o primeiro dia, cada un e cada unha de nós asina en branco ante notario a súa renuncia á responsabilidade municipal que poda detentar.

3. Defendemos políticas urbanísticas e de vivenda ao servizo da veciñanza. A Compostela actual é unha cidade gobernada desde a sombra por imobiliarias, construtoras e intereses especulativos que axen contra os intereses da veciñanza. Dese mal goberno que converte o dereito á vivenda nun negocio deriva a desocupación de imóbeis, a construción irracional e prezos inasumíbeis nos alugueres. O Programa Municipal da Candidatura do Pobo defende políticas de forte contenido social en Urbanismo, vivenda, mobilidade local e comarcal, tecido rural, consumo enerxético, defensa dos espazos naturais de Compostela, etc. Traballamos por un modelo de cidade no que a política e os orzamentos municipais estexan ao servizo da maioría da veciñanza.

4. Apostamos por políticas reais de apoio e promoción para o rural de Compostela. Un modelo de cidade que traia en conta as parroquias e o rural como algo máis que unha canteira de votos para a dereita extrema e o reparto de postos e prebendas municipais. Políticas que permitan a fixación da veciñanza no noso rural, evitando o seu despoboamento e facendo das nosas parroquias entornos económica e socialmente viábeis e vivíbeis.

5. Apostamos na diversificación económica da cidade. Os amos da situación decidiron que o sector turístico teña cada vez máis peso no PIB local. Esta opción supón o progresivo monocultivo turístico da cidade coas coñecidas secuelas de precarización laboral, debilitamento da economía produtiva, supeditación da economía local a factores externos incontrolábeis e conversión da cidade nun parque temático para negocio de axencias turísticas e cadeas hostaleiras. Nós apostamos pola diversificación económica e produtiva da cidade, a creación de emprego na economía produtiva local a través de políticas públicas e a aplicación de medidas restritivas para a deslocalización empresarial.

6. Defendemos um modelo sustentável de mobilidade urbana. A inexistencia dunha rede de servizos públicos de transporte para toda a viziñanza obriga ao emprego xeneralizado do carro particular com as consequencias de conxestom do tránsito rodado, incremento irracional do consumo energético, contaminación, etc. que todas e todos coñecemos. Da Candidatura do Pobo defendemos um plano de transporte local e comarcal que posibilite a superación progresiva do irracional modelo actual e se complemente com a criación de proximidade e descentralización que faga desnecesária a multiplicación dos deslocamentos. Demandamos a paralisación das obras do AVE por se situar nas antipodes deste planejamento racional.

7. Traballaremos por unha participación popular real no Concello. A democracia actual converteu a participación social nun simulacro. Hoxe, en Compostela, o goberno na sombra de inmobiliarias, construtoras e especuladores é unha crúa realidade. A Candidatura do Pobo, consciente das limitacións legais que impoñen a Ley de Bases de Régimen Local e o cadro xurídico-político, defende que a participación social sexa marca identitaria da nosa cidade e combinará a presenza institucional e a relación cos movementos veciñais e asociativos, de modo que o Pleno Municipal se convirta na caixa de resonancia das reivindicacións e necesidades da veciñanza. Defenderemos a elaboración democrática dos orzamentos municipais e a creación de mecanismos parainstitucionais de mobilización e participación social.

8. Opómonos con firmeza á construción da Cidade da Cultura por ser un megaproxecto socialmente prescindíbel construido grazas ao esbanxamento do diñeiro público e a colaboración imprescindíbel de PP, PSOE e BNG. A Candidatura do Pobo esixe a paralización das obras, o reinvestimento dos seus orzamentos millonarios en políticas de construción de vivenda pública, emprego de calidade e promoción de infraestruturas culturais para os bairros e as parroquias de Compostela e a reutilización dos edificios construidos polo tecido asociativo da nosa cidade.

9. Compromiso coas liberdades democráticas. Capital administrativa e principal porta de entrada do turismo internacional no país son as principais funcións reservadas a Compostela polos poderes políticos e económicos. Esta condición sáldase, como podemos comprobar, cunha desbordada presenza policial na cidade. Presenza que afecta particularmente a ese 22% de veciños e veciñas que, a nivel oficial, viven na pobreza e deben desaparecer do mapa urbano e tamén á disidencia política e os movementos sociais. Reivindicamos pois que a Policía Local renuncie ao emprego de armas e se desligue de tarefas de represión política e socioeconómica e a paralización das medidas sancionatorias que desde o Concelho se aplican regularmente contra as liberdades de expresión, reunión e manifestación.

10. Compromiso coa construción nacional. A nosa é a capital dun país privado de soberanía e dereitos políticos. Institucións e poderes económicos queren instrumentalizarnos como a cidade que proxecte ao mundo unha Galiza desprovista de sinais de identidade e convenientemente folclorizada para o consumo turístico. Nós defenderemos a plena normalización e hexemonía social do galego como lingua nacional, o dereito de autodeterminación para dotármonos dos instrumentos políticos, xurídicos e institucionais necesarios para desenvolver políticas a favor do país e da maioría social, a simboloxía galega como simboloxía institucional exclusiva e traballaremos para estender na veciñanza o orgullo de sermos homes e mulleres dun pobo que, a pesar de impedimentos e imposicións, é, e quer seguir sendo para constituirse como país soberano e libre de desigualdades socioeconómicas e de xénero.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s