“O bipartito e o PP defenden un mesmo modelo de cidade, nós outro”
Un grupo de veciños e veciñas de Compostela presentaron no mediodía do sábado na galería Sargadelos de Compostela a Candidatura do Povo, unha iniciativa que concorrerá as eleccións do 22 de maio e que traballará por unha “participación popular real no Concello”. A lista da Candidatura coñecerase o día 23 de abril nun acto que se celebrará en Bonaval e incluirá aos tres traballadores, Ricardo Picáns, José Silva e Juan Vigo que participaron na presentación dos principios da Candidtura. Estes denunicaron “o entreguismo dos partidos con representación no Concello aos intereses de promotores, construtores e inmobiliarias”.
O portavoz da iniciativa municipalista Ricardo Picáns afirmou que as persoas que promoven a Candidatura son “mulleres e homes da rúa que viven do seu traballo, persoas que participan amais dos movimentos sociais e sindicais comprometidos cos intereses populares”. Denunciou tamén o modelo de cidade do bipartito e do Partido Popular e presentou a Canditura do Povo coma unha “ferramenta organizativa local que defende as necesidades e dereitos do veciños e veciñas dos barrios e parroquias de Compostela que procura a diversificación económica da cidade, un modelo sustentável de mobilidade urbana e políticas reais de apoio e promoción para o rural”.
Na Declaración de Principios presentada, que consta de dez puntos, a Candidatura oponse ao proxecto da Cidade da Cultura “construída grazas ao malgasto de diñeiro público e a colaboración imprescindíbel de PP, PSOE e BNG” e esixe “a paralización das obras e o reinvestimento dos seus orzamentos millonarios en políticas de construción de vivenda pública, emprego de calidade e promoción de infraestruturas culturais para os barrios e parroquias compostelás”.
Convite ás asambleas
No acto tamén alzou a voz o taberneiro e editor José Silva para reivindicar a relación horizontal da Candidatura cos movementos sociais locais e convidar a todas as veciñas e os veciños do concello de Compostela a participar nas asembleas que se celebran os luns ás oito e media do serán e os sábados ás doce e media da mañá no bar Nariño da rúa Pelamios. Anunciou tamén que a Candidatura percorrerá todos os barrios e parroquias para explicar o seu proxecto e que continuará coa rolda de conversas con diferentes colectivos populares – que xa veñiran realizando nos útlimos meses – para promover que colaboren activamente na elaboración do programa da iniciativa que se presentará xunto coa lista de canditatas e candidatos o vindeiro 23 de abril.