Denegan uso de espazos gratuitos de propaganda nas TV e radios públicas e reducen a 1% a superficie onde a Candidatura do Povo pode colar carteis eleitorais

A Xunta Eleitoral Provincial notificou esta mañá á Candidatura do Povo que non disporá de espazos de difusión da súa proposta nas televisións e radios públicas do país. Esta decisión da XEP está fundamentada na actual normativa legal sobre procesos eleitorais, que reserva os espazos gratuitos nos medios públicos para aquelas candidaturas que se presentan ante máis do 50% da cidadanía da Comunidade Autónoma de Galiza.

Unha segunda posibilidade sería aceder a medios públicos locais ou municipais, pero, no caso de Compostela, o goberno municipal nunca alimentou a súa criación co que será imposíbel dar a coñecer por esta vía as propostas da nosa candidatura. Así as cousas, o veto legalizado á Candidatura do Povo nos medios públicos é unha realidade e unha limitación antidemocrática coa que conviviremos nesta campaña eleitoral que xa se inicia.

A superficie para colarmos cartaces
da Candidatura limítase ao 1% do total

A noticia anterior compleméntase con outra notificación oficial: a Candidatura do Povo só poderá utilizar 1% da superficie dos dez paineis públicos destinados á campaña eleitoral en Compostela. De aplicarmos a normativa, dadas as dimensións destes paineis de apenas algúns metros cadrados, a nosa campaña veríase limitada a contados carteis colocados nos dez pontos de colaxe actualmente estabelecidos.

Estes paineis encóntranse na Praza 8 de Marzo, a igrexa de San Caetano, o cruzamento das rúas Hórreo con Antón Casares, o instituto da Ponte Pedriña, Santo Domingo da Calzada, a Avenida de Juan Carlos I, o Estadio de Sta. Isabel, a Rúa Berlín, a Avenida de Ferrol e o cruzamento de Vista Alegre con Lermo. É unha serie de espazos a todas luces insuficiente para quen ten “proibido” o aceso aos medios públicos e conta coa animadversión dos privados, hoxe maioritariamente controlados por sectores ultraespañolistas na nosa cidade.

O tipo de campaña
que vamos facer

Ambas notificacións confírmannos o carácter favorábel aos partidos maioritarios da actual normativa eleitoral. Trátase de invisibilizar a existencia de alternativas reais ao mapa institucional local e perpetuar no noso Concelho um equilibrio de forzas e unhas hexemonías que, como se comprobou nestes anos, posibilitaron unha xestom municipal de costas á veciñanza e favorábel a poderosos intereses e grupos económicos e corruptelas.

Eramos coñecedores destas limitacións antidemocráticas antes das respectivas notificacións. Con todo, a Candidatura do Povo non se vai “desinflar” por este tipo de imposicións. Sabemos que co traballo e o esforzo voluntario de decenas de veciñas e veciños de Compostela, o contacto directo coas asociacións e colectivos e o emprego de todos os medios de información ao noso alcance, a alternativa soberanista e de esquerda que nós representamos vai ser ouvida por toda a veciñanza e dará a surpresa significativa nas Eleccións Municipais de 22-M.

Apelamos á colaboración e o compromiso de todos os homes e mulleres da nosa cidade para facer que o silenciamento da voz que representa a Candidatura do Povo sexa imposíbel.

2 thoughts on “Denegan uso de espazos gratuitos de propaganda nas TV e radios públicas e reducen a 1% a superficie onde a Candidatura do Povo pode colar carteis eleitorais

  1. Todo o meu apoio para a Candidatura do Pobo. Vamos combatir o silenciamento con máis comunicación que nunca.

  2. Esta é a democracia do carallo que temos en Santiago e en Galicia, unha versión actualizada da lei do funil. Deséxolle sorte ós que tiveron arrestos suficientes para se meter nesta allada de presentar unha alternativa. A cousa aínda así está fodida.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s