Para a veciñanza de Compostela e para os sectores soberanistas o “voto útil” é un voto inútil

   Abordamos a recta final da campaña e arrecian os chamamentos dirixidos á xente da esquerda, que en Compostela é abrumadoramente nacionalista, para que domingo vote útil, é dicer, avale coa papeleta a traxectoria e políticas do tandem PSOE-BNG que rechaza nas conversas privadas e se iniba ante os esforzos tendentes a dotar de presenza e voz aos sectores soberanistas e populares no Concello.

Como alternativa ao man a man do Bloque co PSOE, o Pensamento Único reserva a posibilidade de apoiarmos a franquía galega de IU, extraparlamentar neste país e ausente do día a día das loitas locais, pero que conta con significativos apoios en TV e prensa como parte que é da esquerda institucionalista que pactou a Transición e fixo posíbel a situación actual.

Se nos fiásemos dos medios concluiríamos pois que non existe outra posibilidade que lexitimar o coñecido (PSOE-BNG), apoiar a esquerda teledirixida ou dar paso á extrema dereita (PP, UPyD, etc.). Preventivamente, opcións como a Candidatura do Povo foron varridas da grella informativa por democrática unanimidade, aínda que o traballo incansábel de decenas de veciñas e veciños fixo posíbel que a visualizásemos na rúa.

Inutilidade do voto útil

   Argumentos de tanta consistencia compleméntanse cunha ameaza pueril: se non votades bipartito virá o lobo, isto é, Conde Roa e as hostes neofranquistas. Sen embargo, a ameaza oculta un feito trascendental: o lobo hai tempo que habita entre nós. Chámase PSOE, acordos programáticos baixo a súa hexemonía e rendición da esquerda local e nacional aos postulados do politicamente correcto. Os tics fascistas do sr. Conde pouco engaden a un modelo de cidade e unhas políticas municipais que nas súas liñas mestras xa están instaladas na dereita.

   Votar útil é avalar portanto a continuidade de políticas inaceitábeis e validar un modelo de cidade que gobernan na sombra intereses minoritarios e especulativos. Votar útil significa máis Cidade da Cultura, menos parroquias, máis desemprego e temporalidade, menos economia produtiva, máis negocio da construción cando case 7000 vivendas se encontran vacías, máis superficies comerciais, máis exclusión social, máis AVE, máis turistificación, máis privatizacións de servizos municipais, máis España, etc.

A política do voto útil está pensada para varrer do mapa institucional opcións de loita como a que representa a Candidatura do Povo. A política do voto útil garante que estexan presentes nos concellos só as forzas con fortes apoios económicos e mediáticos e submisións igualmente fortes. A política do voto útil consolida a inexistencia dunha auténtica oposición a este estado de cousas dentro das institucións locais e deixa mans libres aos de sempre nun momento en que se anuncian graves recurtes e agresións aos dereitos sociais.

   O voto útil é pois inútil, porque imposibilita a presenza de opcións soberanistas nos concellos, as únicas dignas de se caracterizar como a esquerda real deste país. O voto útil converte milleiros de nacionalistas de Compostela en reféns perpetuos da política do mal menor e dun proxecto que nen defende a soberanía nen ten política de esquerdas. O voto útil é contra a apertura dun novo camiño para Compostela e para Galiza como o que anuncian en xerme as candidaturas soberanistas galegas e os procesos de acumulación de forzas.

Votar Candidatura do Povo:
o voto útil en Compostela

   A Candidatura do Povo defende un proxecto de cidade situado nas antípodas do que, con matices diferenciais menores, avalan as forzas da dereita e a esquerda institucionalista. A nosa é unha aposta de longo percorrido que pretende conxugar a diario loita institucional, loita veciñal e loita ideolóxica. Unha aposta intransixente na defesa dos intereses populares, na construción nacional e na oposición aos poderosos que se cimenta na defensa dun país libre.

   Somos parte dun proceso nacional: a tentativa de activar no país unha liña de traballo municipal desde a base e sobre postulados soberanistas. Como está a ocorrer en outros concellos da nación. Cada voto á Candidatura do Povo é un voto que construe masa crítica galega e combativa para loitar tamén desde os concellos e para superar os límites e os complexos das opcións da esquerda institucionalizada. Para construir un novo proxecto. Para ficar.

   Votar Candidatura do Povo é votar autoorganización do povo e votar autodeterminación. Porque o cambio social é imposíbel sen exercermos o dereito a decidirmos como país. Votar Candidatura do Povo é afirmar que a democracia dos mercados non sirve e queremos facer das institucións unha palanca máis ao servizo do cambio nacional e social. Votar Candidatura do Povo é rechazar a política de rebaixas á que nos aboca unha esquerda derrotada e conformista.

22-M VOTA CANDIDATURA DO POVO
É O VOTO SOBERANISTA DE ESQUERDA
É O ÚNICO VOTO ÚTIL

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s