Publicamos a declaración da Candidatura do Povo ante a investidura de Gerardo Conde Roa como alcalde

Publicamos a comunicación pública da Candidatura do Povo ante a investidura de Gerardo Conde Roa producida o pasado día 1. Esta declaración identifica a nova equipa que rexerá os destinos da corporación co “neofranquismo” e convida á veciñanza a “superar fraccionalismos e atomizacións, a pór por riba de todo o que nos une e afastar o que nos separa, a renunciar a sectarismos e organizarmos, entre todos e todas, unha unidade veciñal que, desde abaixo e desde a esquerda, lidere nestes anos a oposición local a Gerardo Conde Roa e aos intereses que se ocultan detrás desta sinistra personaxe”.

Comunicación da Candidatura do Povo á veciñanza de Compostela
ante a investidura de Gerardo Conde Roa
como alcalde da cidade desde o día 1 de xullo de 2011 

Veciñas e veciños de Compostela,
compañeiros e compañeiras,

Dixemos estes días que o aceso de Gerardo Conde Roa á alcaldía co apoio de só o 26% dos sufraxios dos compostelanos e compostelanas en idade de votar era unha pésima noticia. E cando afirmamos isto non queríamos facer boa a alianza entre PSOE e BNG que tivo as rédeas de Raxoi estes anos, porque esa alianza nunca aplicou nesta longa estadía en Compostela unha política de esquerda real, nen defendeu os intereses da veciñanza.

Cando afirmamos que a conquista da alcaldía por Gerardo Conde Roa é unha pésima noticia dicémolo porque este individuo, a súa equipa e o partido que o respalda representan a ideoloxía e os intereses económicos do pior da sociedade compostelana:

– Son os mesmos que argumentan, aínda hoxe, a “necesidade” dos cuarenta anos de represión e xenocidio que viviu Galiza baixo o fascismo e comezaron co asasinato do alcalde nacionalista de Compostela Ánxel Casal nas cunetas de Cacheiras.

– Son os mesmos que están conchabados con promotores e construtores que fan do urbanismo local a súa galiña dos ovos de ouro sacrificando para isto o dereito de todos e todas a unha vivenda digna e económica. De feito, o alcalde que o venres investiron en Raxoi é tamén empresario neste sector da economía local.

– Son os mesmos que proxectan privatizar os servizos municipais que aínda son públicos para entregalos a empresas amigas e construir así unha rede a medida de favores, clientelismos e corruptelas que substitúa a anterior e da que axiña comezaremos ter novas.

– Son os mesmos, en fin, que de encontraren as condicións oportunas non dubidarían en retornarnos ao nacional-catolicismo franquista e oficializar unha moralidade de convento.

Iniciouse por tanto un novo ciclo na política local porque a extrema dereita domina as institucións municipais. E definir a Conde Roa e compañía como fascistas, ou como extrema dereita, é calquera cousa menos umha esaxeración intereseira da realidade: a equipa que gobernará a cidade nestes anos está composta por xentes que opinan que o fascismo foi “un tempo plácido”, xentes cuxo facho ideolóxico é a fundación FAES que preside José María Aznar e xentes que apostan pola privatización selvaxe do público como garantía de “eficacia” e “rendibilidade”, mesmo que sexa a conta de varrer os dereitos sociais.

Este é pois o novo escenario: un goberno municipal que portavoceará sen vergoña os intereses de imobiliarias e construtoras, que está estreitamente vinculado cos poderes eclesiásticos, que será inimigo confeso da lingua e da identidade galegas e que se declara partidario de afondar nunha estratexia económica fracasada que pretende facer de Compostela un parque temático para desfrute do visitante aínda que sexa a costa dos intereses da veciñanza local.

Os próximos anos serán, pois, anos en que as autoridades locais pisarán o acelerador do proxecto estratéxico de cidade que, con matices menores, compartillan PP, PSOE e BNG. E anos, tamén, para construirmos unha resistencia veciñal na que fagamos confluir a defensa intransixente dos dereitos sociais e o carácter público dos servizos municipais, a loita contra o recurte de liberdades públicas, o combate contra quen pretenden facer da nosa capital un estandarte da españolidade ante o mundo e a defensa dunha participación popular real nos asuntos municipais.

A Candidatura do Povo, como estrutura asemblear, democrática e plural que se sitúa en parámetros soberanistas e de esquerda, ofrécese á veciñanza para ser o eixo de confluencia e acumulación de forzas que permita enfrontar colectivamente, desde a diversidade que caracteriza aos sectores populares locais, o proxecto dos neofranquistas e da socialdemocracia española para Compostela.

Este venres pasado, á vez que a política municipal iniciaba un novo ciclo marcado pola FAES, o Opus Dei e a hexemonía empresarial, queremos anunciar aquí que a política da rúa tamén entrou nunha nova fase: a da construción dunha oposición que sexa digna de tal nome, unha oposición plural na súa composición interna, asemblear no seu funcionamento e intransixente frente ao proxecto neofranquista para Compostela.

Da Candidatura do Povo convocámosvos a superar fraccionalismos e atomizacións, a por por encima de todo o que nos une e afastar o que nos separa, a renunciar a sectarismos e organizarmos, entre todos e todas, unha unidade veciñal que, desde abaixo e desde a esquerda, lidere nestes anos a oposición local a Gerardo Conde Roa e aos intereses que se ocultan detrás desta sinistra personaxe.

Viva a Compostela antifascista!
Viva Galiza ceive!
Nom passarám!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s