Compostela mobilizarase contra a clausura do Mercado de Ámio polo goberno municipal do PP

A tentativa unilateral de clausurar o Mercado de Ámio polo alcalde Gerardo Conde Roa sacará á rúa á veciñanza o próximo sábado 12. O goberno municipal pretende trasladar para Silheda a feira gadeira e, segundo declaracións feitas o día 6 pola influinte Cámara de Comercio, Industria y Navegación a El Correo Gallego, dedicar estas instalacións ao “negocio congresual, feiral e turístico, actividade estratéxica da economia compostelana”.

Ámio é na actualidade a maior feira gadeira do norte do Estado español coa presenza de 24.000 cabezas de gado cada semana e a mobilización anual de 50 millóns de €. Ademáis, é a referencia de vendas das 536 explotacións gadeiras que sobreviven no rural de Compostela e, con 129 anos de vida, concentra as transaccións económicas de outras 2500 da comarca.

Cumplicidade da Xunta e o PSOE

A medida, que é rechazada polos gadeiros da comarca por implicar a supresión dunha feira consolidada e o incremento dos gastos de transporte dos produtores, conta co apoio da Consellaría de Presidencia que preside Alfonso Rueda, tamén presidente da Fundación Semana Verde de Silheda. Distintas fontes aseguran que Rueda trataría de equilibrar así as contas deficitarias da Feira de Silheda.

Por outra parte, a decisión do actual rexedor, que a concelleira de Mercados Reyes Leis  confirmou como inamobível -“o futuro [da feira] non pasa por Santiago”-, ten tamén o aval de Sánchez Bugallo, cabeza da lista socialista o 22-M. Bugallo afirmou en declaracións a La Voz de Galicia que o Mercado é “un recinto que non cobre gastos e se usa poucas horas á semana”. Esquece o ex alcalde que o Concello ingresa cada ano 100.000€ ás arcas locais en concepto de dereitos polo uso das instalacións.

Economia produtiva local
frente a monocultivo turístico

A decisión de clausurar a feira e trasladala para Silheda, descartando incluso a proposta dos gadeiros de localizala en outro punto do termo municipal, evidencia dúas cuestións: por unha parte, a indiferenza e desprezo que a equipa de goberno local sinte cara as necesidades e reivindicacións do rural de Compostela. A promoción deste só existe nos programas eleitorais, pero non á hora dos feitos e as políticas.

Por outra, supón un paso adiante máis na estratexia de debilitar o peso da economía produtiva no PIB local e sobredimensionar o sector turístico, cos efeitos coñecidos de estacionalidade, precarización laboral, monocultivo turístico e conversión de Compostela nun parque temático para gozo do visitante. 22% da veciñanza vivindo na pobreza é a expresión máis clara do “éxito” desta aposta impulsada polas distintas administracións locais, a Xunta de Galiza e os tres partidos con presenza en Raxoi.

Intereses empresariais
na clausura da feira

A pinza que se está a producir sobre o sector agrogadeiro local conta co apoio do PP, o PSOE e a Xunta de Galiza, pero tamén de importantes sectores empresariais asociados na Cámara de Comercio, Industria y Navegación, a patronal da hostalaría e a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre. Neste sentido, a Cámara de Comercio declaraba hai uns días que Ámio “non reporta nengún valor engadido” á economía local.

Á frente sitúanse SLG, FRUGA e a Plataforma Cidadá de Apoio á Feira de Ámio, unha entidade constituida por agentes sociais e sindicais da cidade. Se se levar a termo a decisión, as arcas locais deixarán de ingresar aprox. 100.000€ nun momento en que o Estado pon teitos de gasto ás administracións e recortes nos servizos sociais. Alén disto sectores como o transporte de produtos agrícolas, actividades complementarias, hostalaría, etc., resentiránse a causa do efeito dominó que provoca a contracción da economía produtiva.

Mobilización veciñal

Ante este escenario, a Plataforma Cidadá de Apoio á Feira de Ámio na que participamos chama aos veciños e veciñas de Compostela a mobilizarnos o próximo sábado 12 a partir das 17:30 h. desde a Alameda de Compostela para defender a permanencia do Mercado de Ámio e a potenciación da economía agraria e gandeira local como factor fundamental para a protección do noso rural contra o abandono, o desemprego, a emigración e a precarización laboral que afectan a milleiros de veciños e veciñas da nosa cidade.

EN DEFENSA DO MERCADO DE ÁMIO
EN DEFENSA DA ECONOMÍA RURAL DE COMPOSTELA

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s