Ocorrencias: agora, unha pista de patinaxe no meio da Praza da Quintá

Vainos ser difícil dar seguimento e denuncia sistemáticas de todas as ocorrencias que está a por en prática a equipa que dirixe o sr. Conde Roa. Contodo, non renunciaremos desde esta páxina a por no pelouriño as máis destacábeis. A última invención coñecida é da autoría formal do veciño de Arins, militante de Nuevas Generaciones e actual concelleiro de Deportes, Adrián Varela Sarandeses: a instalación dunha pista de xelo para patinaxe na Praza da Quintá.

“Será a primeira vez que se situará a pista de xelo nese lugar tan (sic) histórico”, destacou Varela a un meio local. O titular de Deportes anunciou que a pista se abrirá o día 1 “cunha inauguración pequena, mais espectacular”, terá 300 m2 e unha cuberta de 40×15 m. en forma de iglú. Pode que consciente da aberración, Varela apuntou un imposíbel: procurarán “que o impacto visual sexa o menor posíbel”. Contodo, a Dirección Xeral de Patrimonio xa autorizou a instalación.

Como se financia
a pista de xelo?

Varela recordou, en referencia a outra pista similar instalada en 2010 na Praza Vermella, que o gasto de mantenza daquela instalación polo Concello “facíase imposíbel” e riscou o proxecto de “fracaso”. Nesta ocasión, non sabemos ben por que, non será así. Segundo informaba o 19 de outubro La Voz de Galicia, Varela ultimou xestións “cunha empresa que se puxo a tiro” (sic) e “ten en mente” que o erario municipal asuma a luz e a carpa. Descoñecemos máis dados sobre a astuta estratexia do edil para liberar ás arcas locais do financiamento público de semellante adefesio.

“Como Paris”

O cosmopolitismo pailán e o complexo de inferioridade que caracterizan os membros da actual equipa de goberno expresáronse unha vez máis por boca de Adrián Varela. O edil de Deportes non tivo reparo en apuntar ao citado meio que a instalación da pista de xelo no meio do noso casco histórico asemellará Compostela a “Paris, Nova Iorque, Madrid, etc.”. Grande estímulo para unha cidade que suporta níveis inaceptábeis de pobreza, desemprego e emigración.

A falta de cifras e en plena “política de austeridade” contra a maioría social, Raxoi resposta a unha vella demanda de Compostela Monumental e pon as arcas locais ao servizo da campaña comercial de nadal. Trátase de satisfacer un sector local que o PP contabiliza na súa base social máis leal? É probábel. Segundo a asociación comercial do casco histórico, que se remite a dados da empresa “que se puxo a tiro”, a pista de xelo traerá “para a cidade” un ingreso de 800.000€ neste mes e pico de campaña.

De seren certos os díxitos, e o destinatario colectivo dos beneficios, é dicir, por exemplo, 800 salarios mileuristas cada mes, Conde Roa e Varela deberían pensar na permanencia da carpa previa mudanza da localización. Contodo, temos a impresión de que do dito romano Panem et circenses o goberno municipal só está disposto a promocionar o segundo: a construción dun parque temático-comercial para gozo do visitante. As condicións de vida e traballo da veciñanza -o panem– non están agora entre as “prioridades”.

One thought on “Ocorrencias: agora, unha pista de patinaxe no meio da Praza da Quintá

  1. Pingback: pingheiras » Semana Conde Roa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s