Presidente de Compostela Monumental defende ideario contrario aos intereses do pequeno comercio local

É curioso comprobar como o pequeno comercio abafado pola presión fiscal e as grandes áreas se compromete con frecuencia con políticas suicidas para os seus intereses. O presidente de Compostela Monumental, José Manuel Bello Rey, daba recentemente un exemplo desta disociación nunha entrevista no dixital Santiagoteespera.com. Nela o empresario que preside a asociación á que adiren 200 comercios da Zona Vella manifestaba unha adesión incondicional aos postulados ultraliberais que están na raiz da liquidación do pequeno comercio tradicional.

“Dar confianza aos mercados é fundamental”, dixo, repetindo o mantra que nestes tempos de depredación do social lanzan organismos tan pouco sospeitosos de implicación co pequeno comercio como o BCE e o FMI. O presidente de moitos comerciantes da Zona Vella laiábase da “falta de sensibilidade dos nosos políticos co comercio tradicional”, pero a súa crítica perdía forza, por selectiva, xa que Bello adire ás posicións dos políticos do Partido Popular que promoven as grandes empresas comerciais e a laminación do pequeno comercio.

Así, por exemplo, lembraba con satisfaccción acrítica a Época Aznar, cando “logramos cifras de emprego inimaxinábeis” e anunciaba que “despois do 20-N os españois comezaremos ollar (…) o final do túnel”. En sintonía co programa do PP Bello suxire que a Xunta de Galiza “adelgace as administracións públicas”, “destine recursos públicos á xeración de emprego no sector privado” e “promova políticas de supresión de impostos e reduza á mínima expresión a presión fiscal ás empresas”, é dicir, xerar un paradiso do capital privado e liquidar servizos e dereitos sociais, segundo o modelo que executan, alternativamente, PSOE e PP.

Máis policía e
menos sindicatos

A asunción do pensamento Núñez Feijoo por parte de Bello Rey é evidente. Así, o presidente de Compostela Monumental afirma que aposta pola “desaparición de axudas aos sindicatos, auténtica lacra na xeración de emprego”. Estes, sen excepción, actuarían “en defensa dos seus propios postos de traballo e por ideoloxía política” e poríanse as botas porque “cantos máis ERE e despidos hai en España, máis ricos se fan os sindicatos”.

Estes mantras recórdannos outros tradicionalmente asociados que o presidente de Compostela Monumental formulaba recentemente ao fiscal xefe de Compostela Mario Piñeiro. Nesta entrevista, Bello destacara a necesidade de “cambiar as leis actuais e facelas máis duras para os delincuentes, (…) e dotar a Santiago cun maior número de xuices e policías”, xa que “só o 2% dos delincuentes detidos acaban en prisión”.

Petición do voto

O presidente da asociación chama por último á veciñanza a que o 20-N “castigue aos que nos meteron nesta situación” e apela aos traballadores para que “den as costas aos sindicatos”. Nen unha palabra da necesidade de incrementar a presión fiscal ás grandes áreas comerciais e controlar desde Raxoi a súa multiplicación, fortalecer a pequena produción agraria e gadeira local ou dotar de cobertura social a ese case 25% de veciñ@s que xa viven na pobreza. Iso si, máis policía, menos sindicatos, máis liberdade (para as empresas), menos administración pública, etc., etc.

One thought on “Presidente de Compostela Monumental defende ideario contrario aos intereses do pequeno comercio local

  1. este “listo” coma tudos quere chupar do vote.
    e a toleria deste pais,cando os proves votan dereita,e cando votan esquerda votan a espanhola que e dereita encurverta pola rosa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s