Orzamentos Municipais 2011: os recortes antisociais tamén chegan a Compostela

Os Orzamentos Municipais 2012 evidenciarán a aplicación en Compostela do axuste antisocial estrutural que se prepara por parte das administracións públicas. Segundo informou hoxe a titular de Facenda, Cecilia Sierra (PP), o importe final dos orzamentos locais abalará entre 85 e 90 millóns. Destacar, como cifra que nos permita valorar a dimensión do recorte, que en 2009 a cámara municipal manexara 115 millóns de euros e desde 2003 non se alcanzara unha cifra tan reducida para responder ás necesidades da veciñanza.

Os novos orzamentos entrarán en vigor o 1 de xaneiro. O anuncio do recorte veu acompañado do dun Plano Estratéxico de Investimentos a catro anos acordado entre o alcalde e os membros da súa equipa de goberno. A edila de Facenda definiu as contas finais de 2012 como “unha baixada significativa, pero que non afectará a todas as partidas por igual”. Contodo, non especificou sobre que áreas recairán os recortes. Desde a institución local responsabilizan da caida (-15%) á baixada de transferencias de outras administracións e a previsíbel dos ingresos da construción.

Investimento vía remanentes
e maior control tributario

A chegada da extrema dereita ao Executivo de Madrid, cun plano de aplicación dos recortes no investimento das administracións como unha das primeiras medidas anunciadas, posibilita aos correlixionarios locais de Mariano Rajoy a necesaria coartada argumental para proceder a este tipo de políticas de apertar o cinto á sociedade para sanear as contas dos bancos. Sierra apuntou que, dada a imposibilidade de endividamento público e de allear solo municipal, as contas serían “realistas”.

Por outra parte, Raxoi pretende perfeccionar, e reforzar, os mecanismos de control sobre os ingresos tributarios. A titular de Facenda asegurou por outra parte que o Concello dispón de remanentes de exercicios anteriores que posibilitarán algunhas liñas de investimento que non debullou.

Seguindo a axenda antisocial
que xa se aplica en Ames

Á espera de maiores concrecións sobre os orzamentos finais, valoramos que, seguindo a esteira de recorte antisocial que a pasada semana xa se facía pública para a veciñanza de Ames, os seguidores locais de Mariano Rajoy cargarán contra todos aqueles servizos e actividades municipais que consideran “prescindíbeis”: persoal municipal, animación á lectura, dependencia, normalización, cultura, etc.

Paradoxalmente, reivindicacións e projectos inúteis como a demanda dun teleférico ao monte Gaiás por valor de 20 millóns de euros para transportar turistas á Cidade da Cultura, ou a instalación da pista de xelo de 300 m2 que ocupará a praza da Quintana neste nadal, como idea estrela do titular de Deportes Adrián Varela Sarandeses, parece que non enfrentarán os rigores que se preparan para os investimentos sociais na nosa cidade.

Ficamos á espera de coñecer, e denunciar, na medida das nosas posibilidades, o que a equipa do Sr. Conde Roa nos deparará para 2012 e aínda non se anunciou en detalle.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s