Alcalde ameaza con botar “todo o peso da lei” sobre os ocupantes do Yago mentres a veciñanza se achega ás actividades da sala

Gerardo Conde Roa aproveitou a ocupación do Cinema Yago, abandonado á súa sorte desde 2007, para evidenciar o seu perfil autoritario. Nunhas declaracións a un medio local, o rexedor municipal anunciou con ton ameazante, respecto aos veciños e veciñas que participan na ocupación, que “lles caerá todo o peso da lei”. “Van pagar”, dixo Conde Roa nunhas declaracións pragadas de inexactitudes e falsificacións, “iso está fora de toda dúbida”.

A máxima autoridade local urxiu ao desaloxamento da sala cinematográfica abandonada ata o venres e asegurou que “o goberno municipal adoptou todas as medidas necesarias para que se produza”. “Eu –dixo- xa tiven as conversas coas autoridades competentes para que se produza canto antes”, declarou sobre unha ocupación que considera “ilegal” e “non desexada por ninguén” a pesar de que, neste fin de semana, centos de veciños e veciñas se achegaron con satisfacción á vella sala para comprobar a súa reapertura.

Novo “proxecto moi bonito”

Conde anunciou que a ocupación estaría a facer “especial dano” a un suposto proxecto do Concello para a sala. Proxecto que, curiosamente, o alcalde fai público coincidindo coa entrada de decenas de persoas no cinema e estaria relacionado con “actividades de teatro e danza”. O rexedor municipal non tivo reparos en faltar á realidade e afirmar que “están facendo dano á cultura, están facendo dano a Santiago e intentaron facer dano aos xornalistas”.

Este portal, despois de contactar cos veciños e veciñas que ocupan o inmóbel, non obtivo nengunha confirmación sobre os danos ou agresións aos que se refire o alcalde. Todo ao contrario, @s ocupantes están a limpar e habilitar o inmóbel abandonado para a súa utilización pola veciñanza e a afluencia de veciños ao local é moi importante. Sobre o presunto proxecto municipal do que temos as primeiras noticias Conde Roa dixo que “é moi bonito para a cidade”, pero tampouco concretou as súas características.

Criminalización sen probas

Sen presentar probas, o rexedor municipal definiu a recuperación do cinema como “unha selvaxada destes ocupas”. Conde Roa asegurou que a restauración da sala, que os ocupantes denuncian é obxecto dun proceso especulativo, se podería levar a cabo “cuns 400.000 euros”, pero, aferrándose á versión da “selvaxada”, dixo que “eu non sei como vai ficar isto” a partir da ocupación.

Persoas próximas ao noso grupo municipal que asistiron ás actividades que se están a desenvolver no inmóbel recuperado constataron que os “danos” e as “agresións” de que fala o alcalde non son máis que un produto da súa imaxinación e unha clara tentativa de satanizar os promotores dun novo proxecto sociocultural. A afluencia normalizada ao inmóbel de xente de todas as edades foi, por contra, un elemento definitorio destes días de ocupación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s