Ángel Currás (PP) afirma que “é unha temeridade meter nenos na Sala Yago”

A guerra do Concello contra a recuperación do Cinema Yago para a veciñanza continúa, e nesta ocasión a cousa parecería brincadeira se non fose real. Despois das inexactitudes e ameazas penais vertidas onte por Conde Roa contra os novos inquilinos do cinema abandonado desde 2007, é Ángel Currás, o edil de Cultura, quen toma o relevo. Hoxe, este concelleiro, ante a enxurrada de nenos e nenas que están a participar nas actividades da sala, declarou a Onda Cero que “É unha temeridade meter nenos ali” e manifestou a súa vontade de que “esta situación delitiva (sic) remate canto antes”. Mentres, a veciñanza segue acedendo libremente ao imóbel e os menores de idade permanecen alleos aos alarmes do edil do PP.

“Este fin de semana entraron nenos e no estado no que está a Sala Yago non se permite a entrada de ninguén porque poden desprenderse paineis”, afirmou Currás alarmado. As declaracións do titular de Cultura contradinse abertamente coas do seu superior, o Sr. Conde Roa, que asegurou que a sala “”non estaba tan mal; estaba mal pero non era unha sala que requirise unha rehabilitación enorme, é dicir, unha inversión enorme para poñela en funcionamento”. Con cal das dúas versións oficiais podemos ficar?

Rubén Cela (BNG)
e os ocupas “ao uso”

Do debate social que está a xerar a ocupación do cinema son mostra tamén a participación de todos os grupos municipais na polémica. Así, o portavoz local do BNG, Rubén Cela, declarou a Onda Cero que “non se pode abordar isto como un caso de ocupación ao uso”. Descoñecemos, porque non achegou máis dados, cales son as ocupacións ao uso e aquelas outras que, como parece acontecer con esta da sala compostelana, resultarían atípicas. Sen embargo, todo parece indicar que dado o grado de lexitimidade e simpatías veciñais que están a recadar @s ocupantes, apresentad@s como “selvaxes” por Conde Roa, aquí todo o mundo está a mover ficha para evitar colisións cun amplo sentir existente na veciñanza.

Cela dixo descoñecer quen ocupou a sala abandonada, pero, aínda así, anunciou que “non vai ser unha ocupación con permanencia no tempo, senón que é para chamar a atención dos usos culturais”. Tamén aquí nos asaltan as dúbidas: por que ocupar un inmóbel só para “chamar a atención”, cando podería existir, se a Delegación do Goberno o permite, a posibilidade de permanecer nel, aproveitar a utilidade social do local e autoorganizar un denso programa de actividades?

Tamén mediou o PSOE

Outro que non pudo evitar posicionarse ante os acontecementos foi o grupo municipal do PSOE. Mercedes Rosón declaraba á emisora citada que “se houbo unha actividade con nenos” –que, efectivamente, houbo- “é un argumento xurídico para resolver o problema”, é dicir, seguindo a esteira do alcalde, intervir con forza para desaloxar os veciños e veciñas, maioritariamente xovens, que recuperaron o uso social do edificio. O grupo municipal socialista, segundo apunta entre liñas, tamén sería favorábel a aplicar como Conde Roa “todo o peso da lei”. Probabelmente, a impopularidade que acarrexaría a medida leva a Rosón a expresarse de maneira tan críptica.

Proxecto repentino

A reutilización social da Sala Yago fixo que se descubrise, repentinamente, o “bonito proxecto” que Conde Roa tiña para o imóbel. En declaracións ao xornal La Voz de Galicia, o alcalde que moitos veciños identifican coa extrema dereita asegurou que “a rehabilitación e posta en valor da ocupada Sala Yago xa estaba na axenda do goberno”. Segundo Currás “hai xa mes e medio que a Oficina de Rehabilitación do Consorcio, por encargo de Raxoi, elaborou un informe sobre a situación do histórico local”. O Concello estaría disposto, segundo este edil, a investir 400.000 euros no reacondicionamento da sala.

Currás quixo destacar a súa boa disposición afirmando que, cando él estaba na oposición, en 2007, xa se “interesara” polo local. “Nestor Rego díxonos que ia falar co propietario, pero non fixo nada”, apuntou botando balóns fora. “Nós si o fixemos e proba do interese que temos no tema é que hai un mes e pico que xa temos unhas chaves do local” (sic) para o que existiría, en carteira, “un proxecto educativo e cultural”. Curiosamente, o proxecto faise público agora que o cinema foi recuperado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s