Conde Roa inicia agora a ofensiva para reducir a presenza municipal do Galego

Este alcalde non descansa. Onte, en pleno conflito polo desaloxo da Sala Yago, con decenas de contusionados ou detidas e as rúas da cidade en “estado de sitio” ante a perplexidade dos cidadáns e cidadás, aínda tiña tempo para recibir no seu despacho á famosa Gloria Lago, presidenta da asociación Galicia Bilingüe que persigue o emprego do Galego nas administracións públicas do país. Acompañada de Julio Tojo, coordenador de GB para Compostela, Lago explicou ao rexedor municipal “cal sería o modo máis idóneo para adaptar o concello compostelano ao bilingüismo”.

A satisfacción dos partidarios do castellano despois da reunión resultou manifesta se lemos o comunicado enviado por GB a distintos medios locais. Tanto como a boa, e inmediata, disposición do alcalde para aceder ás súas demandas. Segundo a nota que GB envía aos medios, “o Concello de Santiago non está a respectar a cooficialidade das linguas” e actúa “en contra dos preceptos constitucionais” ao aplicar o Regulamento do uso do galego na Administración municipal. O alcalde mostrouse receptivo a modificar ambas cuestións a conta da posición do Galego na administración local.

Pésimas compañías

Que un rexedor local reciba no seu despacho a unha asociación marxinal cuxos contactos con organizacións como Falange Española e a tamén extremista Unión, Progreso y Democracia son públicos e coñecidos é un xesto que non debería pasar desapercebido á veciñanza. A pesar de que sobre o citado regulamento non existe sequer un pronunciamento legal en contra, Roa deu por boa a lectura persoal de Lago e declarou que o modificará “para achegalo ao cumprimento da Lei” e “para que se respecte a cooficialidade das linguas”.

O alcalde transmitiu a GB “o seu interés en utilizar o formato bilingüe nas súas comunicacións por escrito cos cidadáns”, é dicir, reducir a presenza municipal do Galego en favor do castellano, dando por verídica a fición de que en Compostela os español-falantes están “discriminados”. A presidenta da asociación extremista anunciou que enviaría ao alcalde “un estudo” para que a páxina web municipal se exprese en castellano “sen custo para as arcas municipais”. Encanto, en Ames, tamén o PP facía pública a súa intención de suprimir o servizo de Normalización Lingüística “para recortar gastos”.

Concelleiro de Educación e Cultura,
tamén contra a presenza do Galego

Momentos antes, Tojo e Lago conversaban tamén con Ángel Currás, concelleiro de Educación e Cultura que, nos últimos días, cobrou certa sona polas súas declaracións irrisorias sobre “a temeridade de meter nenos na Sala Yago”. Currás, preocupado de novo pola protección da infancia e a mocidade, “mostrouse proclive a utilizar ambas linguas nas actividades dirixidas a nenos e xovens”, así como en “alonxar delas calquer tipo de adoutrinamento ideolóxico” (!?).

Da súa receptividade cara os bilingüistas tampouco ficou dúbida: comprometeuse ipso facto a que “se ben algúns convenios de corte monolingüe estaban suscritos antes da súa toma de posesión (…)”, cando venzan, o seu departamento “optará polo respecto á cooficialidade”.

A imediatez con que a equipa de goberno local acede ás peticións de GB, asumindo os prexuízos acomplexados contra a lingua deste país, cando todos os estudos sociolingüísticos indican que está sumetida a un proceso de minorización e marxinalización que se dá tamén en Compostela, indica que Conde Roa abre outra frente de batalla. É agora responsabilidade da maioría veciñal que este rexedor que miles de veciños e veciñas situamos politicamente na extrema dereita non se saia coa súa. Ai estaremos nós tamén.

O GALEGO É A NOSA LINGUA. TAMPOUCO AQUÍ VALEN OS RECORTES.

One thought on “Conde Roa inicia agora a ofensiva para reducir a presenza municipal do Galego

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s