200 persoas sen teito “alóxanse” xa en dársenas, portais e caixeiros de Compostela

Segundo a asociación relixiosa Cáritas Diocesana de Compostela, por volta de duascentas persoas sen teito refúxianse cada noite para durmir en caixeiros, portais, na dársena de Xoán XXIII ou na estación de autocarros. A concelleira de Benestar Social, Paula Prado (PP), considera sen embargo, “aínda que non hai un censo concreto”, que a cifra se reduz a medio centenar de persoas. É a cara oculta da Compostela parque temático e Cidade Cultural de Conde Roa.

Con menos interés en ofrecer unha brillante xestión municipal ou adelgazar dados inaceitábeis, Cáritas asegura que o ano pasado 150 persoas pernoctaban cada noite ao raso ou acobillándose en casas abandonadas ou en ruína, pero que actualmente, ao fío da crise, a cifra xa alcanza as duascentas persoas. Prado declarou a algúns medios que este incremento das persoas que durmen na rúa “fixo saltar o alarme” do seu departamento, polo que se constituirá unha comisión “para analisar a situación” e a asistencia social do Concello “está a traballar nun plano de actuación”.

Só 28 prazas públicas

Probabelmente preocupados polo efeito mediático das mortes de sen teito acontecidas recentemente na Coruña, Prado anunciou que “a Policía Local extremará o control sobre os sitios de maior risco”. Pola súa parte, o responsábel político da Policía Local, Albino Vázquez Aldrey, que nestas semanas foi prolífico en declaracións sobre a reapropiación social da Sala Yago, declaraba a Compostela en la Onda que “xa se fixeron moitas cousas” (sic) e, respecto da situación inaceitábel aquí descrita, afirmou lacónico que “me imaxino que algo teremos que facer”.

O único albergue público existente na cidade é o de San Francisco, con 28 prazas e que recibiu 17.000€ por parte do Concello no presente exercicio. Calcúlase que en toda a diócese de Compostela, que abranxe da Coruña ata Caldas, pode haber neste momento 2000 persoas sen fogar e sen recursos para cubrir necesidades primarias. Esta é a outra cara do modelo de cidade que se constrúe desde as institucións municipais e autonómicas: a promoción dos “grandes eventos” e a hipertrofia do sector servizos á beira dun crecemento continuado do desemprego, a precarización e a pobreza. E os axustes máis duros que se anuncian aínda están por chegar.

 

One thought on “200 persoas sen teito “alóxanse” xa en dársenas, portais e caixeiros de Compostela

  1. temos que argalhar un xeito de resposta soidaria fronte o desprezo das instituzoms polos mais perxudicados pola crise.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s