Trens Avant encarecen viaxes, suprimen liñas e posibilitan a privatización de servizos

Esta fin de semana as autoridades inauguraron á grande os trens Avant que cubrirán o traxecto de 148.8 km que separa A Coruña de Ourense facendo paraxe en Compostela. Sen povo, alcaldes como o sr. Conde Roa, conselleiros, presidentes e ministros louvaron o esbanxamento de miles de millóns de euros na construción dunha infraestrutura de transporte exclusiva para persoas de alto poder adquisitivo. A crítica do sindicato ferroviario de CGT axúdanos a xulgar certos aspectos do novo medio de transporte que repercutirán n@s compostelan@s.

En primeiro lugar, a federación ferroviaria denuncia que os trens Avant “teñen os prezos máis altos” de todo o Estado “a pesar de circularen a menor velocidade”, pois desprázanse a 200 km/h frente aos 250 de outros territorios baixo xurisdición estatal. As tarifas de Avant en Galiza son en xeral 18% máis caras, subindo o prezo do billete da Coruña para Compostela de 6.05€ a 10.50€ “para unha mellora de tempos de apenas oito minutos”.

Supresión de trens
e privatizacións

As persoas que deban desprazarse da Coruña para Compostela para estar aquí antes das 9 da mañá verán elevado un 73% o prezo do seu billete: RENFE suprime o tren MD que chegaba á cidade ás 8:28. Este é substituido por un Avant que “aforra” oito minutos no traxecto pero custará 10.5€. Elimínase tamén o desconto por ida e volta e o transporte de bicicletas que antes estaba habilitado nos trens s/121, obrígase a gastar os abonos de 20 a 50 viaxes nun mes e os abonos 10 serán persoais e intransferíbeis con duración máxima de 35 días.

Segundo a CGT, RENFE “está a aplicar unha errónea política comercial, dificultando a utilización do novo servizo Avant polos cidadáns galegos”. Ademáis, denuncian que tanto RENFE como ADIF aproveitan a chegada do Avant á Galiza “para privatizar servizos ferroviarios” que antes cubrían estas empresas e agora asume a compañía Confersa, como o controlo de aceso aos trens de alta velocidade, os puntos de aparcamento e a información das estacións. O sindicato ferroviario critica que este proceso “conleva unha redución da calidade do servizo ofertado, así como a precariedade laboral nos contratos de Confersa”.

Problemas co enlace
con Vila García de Arousa

Outra das cuestións a sinalar, alén do encarecemento dos billetes e a conversión do servizo público en negocio, son os problemas de conexión xerados cos novos horarios. Así, por exemplo, o último Avant que sae os domingos de Ourense ás 21:00 h. chega ás 21:38 a Compostela pero “carece de enlace cara Vila García, xa que o último servizo con destino Vigo sae oito minutos antes –21.30 horas– da capital galega”. Observan identicos desaxustes nos enlaces de Ourense cos trens orixe e destino O Barco e Monforte com “esperas de ata 42 minutos”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s