Peonalización do Ensanche: un proxecto “para ricos” construido de costas á veciñanza

A fase de probas para peonalizar certas rúas do Ensanche comezou a pasada fin de semana en Xeneral Pardiñas e República do Salvador. Desde a Candidatura do Povo somos receptiv@s a aquelas medidas que vaian na dirección de que a veciñanza gañe espazos na cidade frente ao dominio total do carro particular. Contodo, á espera de como se defina finalmente o modelo de peonalización do PP, existen elementos que a priori parecen preocupantes, como o feito de que o experimento se faga nunha época de consumo masivo e en fins de semana, cando a circulación rodada e a pé nada ten a ver co que sucede a diario.

Un primeiro é a vocación mercantil do proceso de peonalización. Á luz das valoracións da fase de probas, parece que o único interlocutor con voz é o sector comercial, cando as repercusións afectan a toda a veciñanza (transportes públicos, comunidades, repartidores, etc.). É preocupante este novo sinal vista a tendencia de CR-11 para facilitar o uso mercantil dos espazos públicos e, á vez, por barreiras e taxas económicas insalvábeis para o seu emprego por parte dos axentes sociais.

Grandes cadeas comerciais
e nula planificación do espazo

A mensaxe das autoridades municipais segundo a cal a medida pretende defender o pequeno comercio local é moi discutíbel: a área peonalizada, que algún medio local baptizou en imitación pailá dunha zona vip madrileña como Milla de Oro,  está ocupada en grande medida por establecementos comerciais de grandes cadeas internacionais, como Bershka, Stradivarius, Bankinter, Banco Sabadell Atlántico, Adeslas, Quattrium, etc., co que o suposto apoio ao comercio local coa medida é, cando menos, relativo. De novo, temos a impresión de que Conde Roa se confunde, ou pretende confundirnos.

Non é cuestión menor o problema da falta dunha planificación estratéxica: as rúas a peonalizar remodeláronse aínda hai pouco tempo co intuito de xerar unha imitación vip compostelana da citada Milla de Oro. Agora, unha nova equipa de goberno experimenta outros deseños e usos para as mesmas rúas que, como é sabido, se financiará a custa do erario municipal. A multiplicación non racional de aparcamentos subterráneos  e a continuidade da circulación do transporte público na zona son outros dos elementos críticos a ter en conta para o experimento que está a facer o Partido Popular.

Humanización

É contraditorio que o goberno local fale de humanizar cando só pretende comercializar e favorecer o negocio de empresas da nómina de apoios do PP. Se a humanización for o obxectivo, convidaríamos a Albino Vázquez Aldrey e a Reyes Leis Rodríguez, artífices da medida, a peonalizar, por exemplo, as rúas de San Pedro e Cuncheiros, favorecendo así o pequeno comercio local, liberando ambas vías dunha conxestión de tráfico e ruído inaceitábel e promovendo espazos reais de relación e lacer social. A resposta veciñal cada vez que estas rúas se liberaron de tráfico rodado non deixa lugar a dúbidas sobre o apoio popular que tería a medida.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s