Reproducimos a carta do pai de Antom Santos sobre o situación do noso veciño preso

Antom Santos foi veciño de Compostela de vello. A súa discreta presenza pesoal deixou sen embargo unha importante pegada na cidade ata a súa mudanza de residencia para Lugo en 2009. O movimento xuvenil, o asociacionismo cultural, a construción da Historia de Galiza, os medios de comunicación en galego, a política independentista, o montañismo, etc. foron algúns dos ámbitos en que se fixo sentir a xenerosidade exemplar deste cidadán galego cara o País. Desde primeiros de mes encóntrase preso e dispersado nun cárcere na localidade española de Aranjuez a máis de 600 km. de familiares, compañeir@s e amig@s.

Antom foi detido xunto á súa compañeira Maria Ossório o día 2 de decembro con acusacións que os advogados de ambos descoñecen e aparecen a través dos medios de comunicación. Actualmente, alén de preso e dispersado, foi incomunicado “por non querer colaborar” co rexime carcerario, segundo informa nunha carta seu pai, Xosé Luis Santos, tamén coñecido nos movementos populares de Compostela. Como grupo municipal solidario coas persoas represaliadas por cuestións de natureza política, publicamos aquí esta carta onde Xosé Luis informa da situación actual de seu fillo.

Antes de reproducir o texto, informar tamén de que, segundo as últimas noticias, Antom Santos e o veciño de Angrois, Eduardo Vigo, tamén preso desde o día 30, se encontran incomunicados en aplicación do art. 72 do actual regulamento carcerario nos respectivos cárceres -Aranjuez e Navalcarnero- aos que foron desterrados. Esiximos pois a súa repatriación e o respeito para todos os dereitos que corresponden a ambos. A continuación, a carta informativa de Xosé Luis Santos:

Queridos amigos e amigas:

Estaba preparando, para enviarvos, algo que vos informase polo miudo da situación do meu fillo Antón. Non descarto facelo, pero, como non quero adialo máis, vaivos este resumo. Moitas e moitos de vós tedes que me desculpar por non vos coller o teléfono, ou mesmo por falar case en clave telegráfica. En ocasións non dou feito. Estou sobardado por chamadas ou por outras circunstancias.

O caso é que, neste momento, nin os pais nin os avogados puidemos ver a Antón. A última tortura á que nos someteu o sistema carcerario é deste domingo (houbo outras anteriores).

Como sabedes, despois da incomunicación policial veu a incomunicación xudicial. Antón chamou o día 8, xoves, para dicirnos que o levaran ao centro penitenciario de Aranjuez. O meu teléfono móbil di que a duración da chamada foron 45 segundos.

Parece que a única alternativa que tiñamos de velo era presentármonos domingo, ás cinco da tarde, na cadea. Así o fixemos. Dixéronnos, ao principio, que imposible. Con moito esforzo e coa colaboración dun funcionario que parecía ter os sentimentos que se lle supoñen á especie humana, ao final consentiron. Que pasabamos ás sete e media da tarde, díxonos.

Así foi. A esa hora coñecemos, por dentro, parte da prisión,  e vimos as láminas (de pintores impresionistas, de Klint, ou un anaco deLes demoiselles de Avignon de Picasso) penduradas nas paredes de diversas salas de espera. Creo que as láminas son conscientes do ar tétrico que se respira naquel ambiente. Por iso paliceden.

Fomos, como nos indicaron,  ata o locutorio número 5. O noso fillo non apareceu. Cando preguntamos, dixéronnos que estaba castigado por non colaborar (con quen, pregúntome eu?).

Presentamos unha (inútil?) denuncia no Xulgado de Garda de Compostela este luns, seguindo os consellos do avogado.

Unha aperta, e moitas, moitas grazas a todos e a todas vós (que non son, ben o sabedes, grazas protocolarias)

Xosé Luís.

P.S. Por outra parte, aos avogados a Audiencia Nacional non lles amañou os papeis ata onte mesmo. E aínda non me dixeron a esta hora se teñen na man da súa procuradora a acreditación. Por iso tampouco puideron ver a Antón.

O pai e a nai de Maria Osorio, tiveron maís sorte. Despois de dicirlles que non, en Soto del Real, dixéronlles que si, e viron a Maria este sábado.

Os actuais destinos penitenciarios de Antom Santos e Eduardo Vigo aonde se lles pode escreber ou visitar son:

Antom Santos Peres
Centro Penitenciario de Madrid VI
Crtra. Nacional 400, km. 28
28300 Aranjuez (Madrid)
Espanha

Eduardo Vigo Dominguez
Centro Penitenciario Madrid IV
Crtra. N-V, km. 27,7 28600 Navalcarnero (Madrid)
Espanha

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s