Ocorrencias do Concello en plena crise: dilapidar 40.000€ para organizar a “Vuelta a España”

Segundo advirte hoxe un medio local, as autoridades municipais volven tirar un coello da chisteira dos “proxectos”: organizar a Vuelta Ciclista a España pasando por Compostela. A sua preparación faría necesario un desembolso de 40.000 euros. A fonte indica que Raxoi “intentará convencer (sic) aos hostaleiros compostelanos” para que depositen esta cantidade. Contodo, despois da ocurrencia frustrada anunciada en xullo de organizar a Copa Davis na Cidade da Cultura, dilapidando 2 millóns de euros, non fica claro se, no caso de que a iniciativa privada dese as costas á proposta, o Concello asumiria o seu financiamento.

A primeira pexa que presenta a organización da proba denominada Vuelta Ciclista a España en Compostela é obvia: unha parte moi significativa da populación local non nos sentimos española e consideramos un evento destas características unha afrenta á nosa identidade como povo. Ai están os resultados de sucesivas prospeccións sociolóxicas e convocatorias electorais para demostralo. Celebracións desportivas dese perfil non serían por tanto ben recibidas por unha parte amplia da veciñanza e dos colectivos e organizacións sociais, sindicais e políticas de Compostela.

Compostela como circo

Cunha institución local endibidada e cos orzamentos recurtados, un 23% da populación local vivindo na pobreza ou ao límite da exclusión social, emigración, precariedade laboral masiva, etc., parece que a única proposta das autoridades locais presentes e pasadas ante esta grave situación socioeconómica é “que veñan máis turistas”, “que durma máis xente nos hotéis” ou “que se clausure a feira de Ámio”, é dicir, aposta total polo monocultivo da cidade como destino turístico, desentendéndose do desenvolvemento da economía produtiva e fiando todas ou quase todas as posibilidades á estratexia da Compostela-parque temático.

O desembarco en Compostela de miles de persoas durante os días que durase esa Vuelta podería, no mellor dos casos, inxectar un puntual e transitorio plus económico nas cadeas hostaleiras con presenza na cidade e no sector servizos. Sen embargo, todo indica que a difícil situación laboral e económica que afectou neste 2011 á maioría social de Compostela, e se agravará en 2012, non vai encontrar solucións nen sequer paliativos na organización de congresos empresariais e financeiros, feiras do automóbel, Copas Davis e monocultivos turísticos que converten a economía local en totalmente dependente de inestábeis fluxos externos.

Precedente da Copa Davis

A intención do goberno local de organizar a Vuelta é aínda máis preocupante se temos en conta a predilección de Conde Roa pola espectacularidade e a aparencia máis que polas alternativas e solucións reais. Xa en xullo, recén estreado o cargo, CR-11 tivera a ocurrencia de organizar as semifinais da Copa Davis na Cidade da Cultura –por aquelo de procurarlle algún uso ao mausoléo do seu pai político?-. Daquela, falábase de “investir” 2 millóns de euros nun fugaz evento para élites, cando de tod@s era sabida a esterilidade social da iniciativa ou a grave situación que pasan, nestes tempos, os clubes desportivos locais de base.

One thought on “Ocorrencias do Concello en plena crise: dilapidar 40.000€ para organizar a “Vuelta a España”

  1. Pingback: Ocorrências do "Conde de Roa": Malbaratar 40.000€ para organizar 'La Vuelta'

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s