Compostela ten máis de 6000 vivendas vacías cando o dereito á vivenda se convirte nun “luxo”

O dado é trascendente para facernos unha composición real de lugar sobre a política de vivenda na cidade: 6000 vivendas de Compostela encóntranse desocupadas cando se producen expulsións de familias inteiras dos seus fogares e miles de persoas non poden aceder á vivenda. Esta sería contodo unha estimación á baixa que admitía recentemente Conde Roa e xa recoñecía en 2007 a concelleira socialista Mercedes Rosón. Sen embargo, outras fontes nada suspeitas de engordar as cifras de desigualdade social do Estado, como o Instituto Nacional de Estadística español, elevaban a cifra a 8000 nun informe dese mesmo ano.

Máis ocupadas en distraernos coa inauguración de estatuas papais, mudar fervenzas artificiais por xardins tropicais ou rogar ao Apóstolo para que “nos saque da crise”, as autoridades locais, que entre outros credos comulgan tamén co neoliberal que permite a concentración antisocial da propriedade en poucas mans, ou concibe a vivenda como un negocio na vez de un dereito, non teñen en axenda medidas coñecidas e efectivas para rematar con esta lacra. Neste sentido, a pescuda de dados en informes oficiais achéganos a realidades surprendentes e inaceptábeis desde un punto de vista de simples xustiza social.

Alta concentración do
parque inmobiliario local

Así, por exemplo, descubrimos entre outras cuestións nun informe gobernamental de 2003 que en Compostela por volta de 5492 persoas, é dicir, o 6% do censo municipal, eran propietarias de 13.500 vivendas -30% do parque inmobiliario local. De acreditarmos nas palabras do anterior alcalde, que loxicamente pretendía desdramatizar a situación durante o período en que gobernou, estas cifras de desocupación, que afectan seriamente bairros como Conxo, O Paxonal ou Salgueirinhos, non se poderían clasificar como vivendas vacías porque os propietarios “pasan aquí quince días ou un mes ao ano” (sic).

As cifras de vivendas sen xente oscilan en función dos criterios de contaxe utilizados, pero, significativamente, case nengunha fonte as sitúa por baixo das cifras apuntadas. Bugallo, como referíamos, considera que habitar un andar “durante 15 días ao ano” é motivo suficiente para consideralo “ocupado”. A compañía de aguas Aquagest, pola súa parte, reduce os casos a 3600, adoptando o criterio dun consumo cero como garantía de non ocupación. Recentemente, o movemento 15-M, que taxa en cinco as familias que cada día son desafiuzadas das súas casas polos bancos no noso país, apuntaba que a cifra de andares vacíos en Compostela rondaría xa os 9000.

Deixar un comentario