Multiplícase a cifra de veciños que acuden á Cociña Económica á procura de alimentos básicos

A Cociña Económica de Compostela é un servizo de beneficencia xestionado por relixiosas que funciona na cidade desde 1891. A evolución interanual da afluencia de veciños e veciñas a este centro é, se cadra, un dos indicadores máis claros da crua realidade socioeconómica de Compostela para alén das imaxes retocadas do postal turístico. Recentemente, as propias xestoras do servizo reclamaban un novo local, á vista de que o actual está desbordado polo incremento de xente que non pode aceder a alimentos primarios por outras vías.

Así, por exemplo, infórmannos de que nos últimos tres anos, coincidindo aproximadamente coa explosión da crise estrutural, o número de comidas que esta institución ofrece ao medio día pasou de 70 a 180 cando o establecemento apenas ten espazo para 96 persoas. Por outra parte, estase a producir tamén unha afluencia moi significativa de familias con fill@s que acuden ao local para recoller ali os alimentos e consumilos nas súas casas.

Expresión das insuficiencias
do modelo económico local

Como temos repetido en varias ocasións nesta páxina, o desemprego e o empobrecemento dunha parte importante da populación de Compostela, que se sitúa por volta de 25% do censo municipal, é dicer, arredor de 23.000 veciñas e veciños, é a problemática sociail máis importante da capital galega. O modelo incuestionábel fundamentado no progresivo monocultivo do sector turístico, que rendabilizan principalmente as cadeas hostaleiras e certas áreas do sector servizos, puxo aquí negro sobre branco todas as súas insuficiencias desde unha óptica social.

Os agoiros que desde desde Madrid e San Caetano lanzan as autoridades para 2012 confirman que estas tendencias para a pauperización social non reverterán a curto prazo. Así, nestes días, relánzase o debate dos miniempregos, os minisalarios e os minidereitos, anúncianse novas iniciativas na centralización da negociación colectiva e comézanse a perfilar os servizos públicos e de protección social que axiña estarán no ponto de mira dos neoliberais. O sobardamento dos servizos de beneficencia como a Cociña Económica, que asumen un esforzo que correspondería ás institucións municipais e autonómicas, axiña vai ser, se non o é xa, outra crúa realidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s