Compostela alcanzou a taxa de desemprego máis alta da década

Este sábado o goberno local reuniuse en Fecha. Segundo a información filtrada, avaliaron os seis primeiros meses en Raxoi e perfilaron as liñas mestras que cristalizarán nos Orzamentos Municipais de 2012. Conde Roa lanzou aos medios a mensaxe de que “a prioridade nestas contas serán os servizos sociais”. Á espera de que dados concretos verifiquen as palabras do rexedor, saía á luz un novo dado alarmante: Compostela alcanza xa o desemprego máis alto da década: 8600 persoas.

As cifras ponas á luz o estudo do Centro de Investigación Económica y Financiera da Fundación Novagaliciabanco. Segundo este informe, o número de afiliados á Seguranza Social caiu notabelmente desde o inicio da crise, pasando de 42.373 a 40.121. Un descenso notábel para unha cidade que non alcanza os 100.000 veciños. Do mesmo modo, 201 empresas –maioritariamente das denominadas micropemes, pequenos negocios, etc.- tiveron que baixar a persiana desde 2008.

Caso modélico neste proceso de destrución local de emprego que afectou particularmente á construción é o da empresa Construnor. O grupo, que chegara a ter 400 operarios en nómina, pechaba as portas en 2011 deixando na rúa os seus últimos 70 traballadores despois de que dous dos seus accionistas, Juan Navarro e José Manuel Negreira, desaparecesen en maio depois de conseguiren un crédito de dous millóns de euros.

Exclusión social segue a medrar

Diversos indicadores apontan que no último ano tanto o risco de exclusión social como as solicitudes de alimentos a entidades benéficas se dispararon en Compostela. É sintomático da escasa preocupación que xera no consistorio esta problemática o feito de que os principais dados que denuncian a crua realidade sexan emitidos por organizacións relixiosas, e que os servizos sociais municipais, cando teñen a ben dicir algo, o fagan para minimizar as informacións de referencia que proceden do entramado asociativo da Igrexa Católica.

Así sabemos, por exemplo, que en 2010 a organización Cáritas Diocesana deu cobertura a 63.854 persoas na nosa cidade, que a porcentaxe de persoas atendidas se incrementou nun 25% respecto de 2009 e que a beneficiencia cristá é xa incapaz de facer frente á demanda de axuda social. Que a prioridade nas contas que Conde Roa presentará para 2012 sexan os servizos sociais é algo que está por ver. Contodo, vistos o credo relixioso e a ideoloxía ultraneoliberal que profesan boa parte dos membros da súa equipa, todo apunta a novos recortes e a que a asistencia ás e aos máis golpeados pola crise recaia na beneficencia.

Liberdade de mercado e darwinismo social en estado puro. Deses que tanto gostan Mariano Rajoy e o noso alcalde.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s