SOS Sanidade Pública chama a veciñanza a mobilizarse frente ao parlamento autonómico contra “os recortes e a privatización”

A Plataforma SOS Sanidade Pública convocou para mañán cuarta-feira 21 de decembro a partir das 17:00 h. unha concentración frente ao parlamento autonómico. O obxectivo desta é “facer chegar ao Parlamento de Galiza o rexeitamento aos recortes e privatizacións dos servizos sanitarios que está levando a cabo o goberno da Xunta”. Anuncian que parte destas medidas antisociais se tratarán de por en marcha “a través dos Orzamentos da CAG do ano 2012”.

A concentración coincide co debate parlamentar da Lei de Acompañamento dos orzamentos sanitarios para 2012. Denúnciase desde a estrutura comarcal de SOS Sanidade Pública que “o plano director do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago segue “desaparecido” e os centros de saúde de Conxo e Fontinhas seguen sen ter data de comezo das obras”. Todo indica que, cos ultraneoliberais cabalgando nas institucións municipais, autonómicas e estatais, e praticando obediencia cega á emperatriz Angela Merkel, as necesidades sanitarias da povoación de Compostela e da comarca están agora na diana dos recortes.

Atentados contra o dereito
á asistencia sanitaria pública

A plataforma cidadá denuncia tamén unha extensa lista de actuacións da administración autonómica que evidencia a tendencia para a privatización e o recorte sanitario. Así, apuntan “o pago pola xestión das tarxetas sanitarias, o pago por adiantado sen garantía das próteses das persoas intervidas cirurxicamente ou que padezan serias discapacidades, a supresión do dereito á asistencia a persoas inmigrantes e retornadas ata seis meses logo de seren empadroadas” ou “a supresión do dereito á atención ás persoas sen recursos” -agora definidas como PSRs- ou aquelas “que esgoten o desemprego”.

SOS Sanidade Pública critica tamén “o anuncio feito polo presidente da Xunta nos medios de comunicación da súa intención de por fin á gratuidade das receitas aos pensionistas ou o pago pola comida, limpeza, aseo, etc. das persoas hospitalizadas” e valora que “todas estas medidas supoñen un atentado contra o dereito á asistencia sanitaria pública, universal, gratuíta no momento do uso, accesíbel e equitativa”. Motivos máis que suficientes para mobilizarnos mañán 21 de decembro ante a cámara autonómica.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s