PP recurta en dous millóns de euros o diñeiro público destinado a Compostela

Os recortes dos ultraneoliberais chegan a Raxoi. Os votos d@s parlamentares autonómicos do Partido Popular posibilitaron onte que a cámara galega denegase o destino de 2 millóns de euros dos orzamentos da CAG para o Consorcio de Compostela. A votación prodúcese depois de que na comisión do parlamentiño celebrada o día 15  o PP asegurase que ia apoiar a enmenda favorábel a esta inxección de diñeiro público na cidade.

A redución de investimento público no Consorcio, que é participado pola Xunta, o Concello e a administración central española, terá efectos directos na cidade e a veciñanza e súmase aos sistemáticos incumprimentos interanuais da Xunta no financiamento do organismo. Así, por por algúns exemplos, o recurte afecta aos investimentos en saneamento, agua, alumeado, protección de edificios históricos, adquisición de terrenos públicos, transporte municipal, etc., á vez que abrirá novas portas á privatización dos servizos públicos.

Persoal de confianza
por 400.000€ anuais

Ao tempo, o rexedor local xoga ao despiste coa veciñanza tratando de vender austeridade na xestión. O pleno celebrado onte nun clima de regueifa aprobaba “de urxencia” coa maioría absoluta do PP a creación de 3 prazas de apoio de Secretario, Interventor e Tesoureiro locais e a modificación e dotación das direccións de área de Facenda e Mobilidade. Os novos cargos políticos suporán para as arcas locais o gasto anual de 400.000 euros. Podémonos facer a idea aproximada do que pode supor isto se pensamos que os Orzamentos Municipais 2012 se estiman en 85-90 millóns de euros.

O Concello logra por esta vía rápida cuxa legalidade ou, cando menos, a súa lexitimidade, están en cuestión, dotarse de novo persoal político de confianza e esquivar a onda de recurtes na administración local galega que os correlixionarios de Conde Roa en Madrid preparan para 2012. En plena regueifa plenaria, o alcalde aseguraba onte que o aforro de 1.8 millóns previsto coa eliminación de dedicacións exclusivas e asesores compensaría este novo gasto de tintes dixitais.

Contas da leiteira
que non nos dan

Se ampliamos o obxectivo alén destas contas, decatámonos claramente de que, coa contracción en 5 ou 10 millóns de euros dos Orzamentos Municipais respecto de 2011, o escaqueo da Xunta no financiamento do Consorcio -que axiña praticará tamén a administración central española amparándose no incumprimento de Núñez Feijoo- e os recurtes previstos na administración local galega para 2012 por parte do servidor de Angela Merkel no Estado español, Mariano Rajoy, as contas do “aforro” e a “austeridade” do ultraneoliberal que senta as pousadeiras en Raxoi non nos dan.

Asistimos, a nivel local, a un proceso que xa se produce a escala global: o servilismo das institucións políticas aos intereses de poderosos grupos económicos e financeiros e a aplicación -a través do recurte xeneralizado do gasto social- da máxima neoliberal que propón que A crise –a do capital- que a paguen os e as que traballan. Os efeitos destas políticas xa se comezan a percibir nas rúas e as casas de Compostela.

Deixar un comentario