Varela traerá a San Lázaro á selección española sen solucionar o burato de Compostela Deporte

Adrián Varela, concelleiro de Deportes, destacou nestes seis meses de xestión á frente do seu departamento pola atracción cara o desporte espectáculo focado a traer xente a Compostela. A tentativa (frustrada) de organizar as semifinais da Copa Davis no curuto do Gaiás, a instalación dunha pista de xelo en pleno casco histórico ou a disposición municipal para celebrar en Compostela unha etapa de La Vuelta a España 2012 previo desembolso de 40.000€ están entre as polémicas decisións adoptadas.

O seu último proxecto é que a selección española de fútbol feminino xogue en San Lázaro coa de Austria o 15 de febreiro. Consciente de que a reivindicación de seleccións propias ten forza no deporte galego de base, Varela argumentou enganosamente que o xogo será a “festa do fútbol feminino galego e español” porque a compostelana Verónica Boquete “pode desputar un xogo internacional na súa cidade” (sic). Ademáis, o edil manifestou a súa disposición de seguir nesta dirección, facendo xestións para “conseguir” novos xogos de seleccións españolas na cidade.

Dilema entre o deporte
espectáculo ou de base

A orientación que Varela impón á política deportiva nun contexto de recortes ten varios puntos críticos. O máis visível é comprometer recursos en eventos espectaculares e transitorios que, se exceptuamos os beneficios puntuais que podan xerar a certos grupos económicos, son inúteis para a cidade e o deporte local. Así, ollamos como mentres a Fundación Compostela Deporte enfrenta un burato de 200.000€ e aplica recortes de persoal o Concello se preocupa da Copa Davis, a Vuelta a España e os xogos dunha selección que parte de veciñanza non recoñece como propia.

Por outra parte, é aínda máis preocupante o argumento que subxace á aposta polo deporte espectáculo como reclamo turístico: acreditar que a afluencia de visitantes, á marxe de calquer consideración, é benéfica para a veciñanza e debe orientar total ou parcialmente as políticas locais. Se a decisión de promover o deporte espectáculo desde o Concello é insustentábel desde a óptica de potenciación do deporte popular, máis aínda cando, segundo se repite ata o cansazo, “non hai diñeiro”, condicionar a política deportiva local aos fluxos turísticos parece inaceptábel.

Mesturando
deporte e política

Como membro de Nuevas Generaciones, Varela non é indiferente á reivindicación de que as seleccións galegas compitan oficialmente en probas internacionais. Contodo, aínda que probabelmente él tamén repita ese mantra tan falso e típico da dereita españolista que asegura que “non se debe mesturar o deporte coa política”, a realidade é que nestes meses á frente do seu departamento as iniciativas e propostas que aprobou foron sempre en dirección contraria ao recoñecemento galego e potenciaron o españolismo deportivo desde o Concello. Nada inesperado, por outra parte. O perfil nacionalista da súa xestión é innegável.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s