Billete do transporte metropolitano de Compostela sube o 8.3% desde xaneiro

A decisión tomouna esta segunda-feira a Comisión de Seguimento do Transporte Metropolitano da Área de Compostela. O billete sube desde xaneiro un 8.3%, é dicir, pasamos de abonar 72 a 78 céntimos por viaxe. O director xeral de Mobilidade da Xunta, Miguel Rodríguez Bugarín, que estivo na reunión cos alcaldes implicados no Plano de Transporte Metropolitano (PTM), asegurou que o prezo das viaxes encóntrase entre “entre os máis baratos de España”, esquecendo que non se pode facer este tipo de comparacións lineais porque as pensións e salarios galegos son máis baixos que as medias estatais.

Segundo declaracións de Bugarín na web da Xunta de Galiza, “a Xunta e os concellos (…) acordaron actualizar as tarifas”. Contodo, a unanimidade que anuncia o director xeral parece ser inexistente: xa a mediodía de hoxe varios alcaldes da comarca facían declaracións na Radio Galega denunciando a suba do billete. Descoñecemos cal foi a posición do concelleiro compostelano de Mobilidade, Albino Vázquez Aldrey, respecto á suba. A afiliación común de Bugarín e Aldrey, así como o silencio da páxina oficial do Concello sobre a suba, indican que este tería apoiado o encarecemento do prezo do transporte público comarcal.

Transporte metropolitano

O PTM foi elaborado pola administración autonómica e proxectado hai agora un ano cun vídeo propagandístico dos efeitos positivos que presuntamente suporía para os concellos de Ames, Briom, Boqueixom, Compostela, Oroso, Pino, Teu, Touro, Traço, Val do Duvra e Vedra. Segundo o spot institucional, a execución completa do plano reduciría en 2000 os carros particulares que cada día circulan en Compostela e comarca, alixeiraría o problema estrutural de tráfico na cidade, reduciría as emisións de CO2 en “2.1 millóns de toneladas ao día” –imposíbel- e incrementaría o 52% o número de usuari@s.

A posta en marcha parcial e lenta do PTM supuxo un incremento significativo do número de usuarios –de 92.000 a 178.000 diarios de xaneiro e novembro- que evidencia a necesidade social do transporte público comarcal. Contodo, alén  da suba que Bugarín minimiza dicindo que a Xunta e os concellos a asumirán en parte, é dicir, pagaremos indirectamente vía impostos, a lentitude na implementación do Cartón Metropolitano Social, a baixa frecuencia das viaxes, a falta de puntos de información e marquesinas, a ausencia de intercomunicación áxil de servizos ferroviarios e liñas do PTM segue no debe desta comisión desde hai xa máis dun ano.

O Concello, ao despiste

Medios con importante repercusión local e vinculados politicamente ás autoridades municipais, como El Correo Gallego, ou o dixital Compostela en la Onda, decidiron hoxe ocultar ou minimizar a importancia da suba do billete e por no primeiro plano informativo a decisión municipal de instalar dez novos postes de información nas paraxes de varias rúas céntricas. O encarecemento do billete tampouco foi noticia de interés para a páxina web do Concello de Compostela que nos obsequia hoxe coa mesma información que o diario dereitista local.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s