Orzamentos Municipais para 2012 recortaranse ata un 11% e terán teito de gasto público

A titular municipal de Facenda, Orzamentos e Contratación, Cecilia Sierra, é tan alérxica ao emprego do Galego na súa actuación institucional como apoloxista das políticas de recorte antisocial que o PP executa desde as administracións. Abonda con visionar a serie vídeos de comparecencias públicas da nova concelleira que aparecen na rede para concluir que ambas premisas son rigurosamente certas. Neste país, neoliberalismo a ultranza e hispanofilia sempre foron de mans dadas.

A concelleira anunciou onte o estado en que se encontra a tramitación dos Orzamentos Municipais sen achegar dados concretos sobre cales serán as prioridades de gasto de Raxoi para 2012. A grandes trazos, aprobaranse para finais de xaneiro ou principios de febreiro en vez de facelo en 2011 como se anunciara; “por primeira vez (…) terán un teito de gasto” e, finalmente, reduciranse a 85-90 millóns de euros, co que se produce un descenso respecto a 2011 entre 5.2 e 10.2 millóns de euros, é dicir, no pior dos casos, case un 11% de recorte.

Quen se encargou onte de facilitar estes dados é licenciada en Empresariais pola USC e  compatibiliza o cargo de edila coa dirección do departamento de Xestión Interna de UROVESA no Tambre, á vez que participa no de Relacións Públicas desta compañía  proveedora oficial de veículos militares para o Exército español. Unha nova evidencia máis, esta vez a escala local, das óptimas relacións que cargos políticos do PP, como o actual Ministro de Defensa, manteñen co entramado militar e industrial no Estado.

Á espera do que
digan en Madrid

O dogma neoliberal imperante sobre a necesidade de conter o gasto público para “saír da crise” é o credo nuclear da actual equipa de goberno. Temos a certeza de que, nesta cuestión trascendental, a situación sería similar se o bipartito PSOE-BNG gobernase Compostela. Se cadra a diferenza reside na convición coa que os partidarios entusiastas da “contención do déficit público” e o ultraneoliberalismo, como Sierra e Conde Roa, aplican estas medidas.

O primeiro que chama a atención nas declaracións é que, cando estaba na oposición, Sierra fora dura valedora da confección dos orzamentos en prazo, esixindo demisións por este motivo. Onte, despregaba un repertorio de termos para xustificar a flagrante contradición coa súa posición tradicional: “excepcionalidade”, “exactitude”, “principio de prudencia”, etc. e argüía que o Concello aguardará a coñecer as decisións económicas de Madrid e os ingresos do Estado en Compostela, porque –segundo advertiu- os acordos do Consejo de Ministros do día 30 “poderían afectar ás entidades locais”.

Algunhas cifras

Á espera de que se anuncien dados concretos que permitan unha análise, e co gobermo local repetindo a diario a ladaíña de que “non recortaremos o gasto social”, Sierra deixou cair cifras interesadas que sen embargo deitan luces sobre a situación económica de Compostela: segundo parece, Raxoi arrastra un remanente negativo de tesourería de 2010 de 2.6 millóns de euros; a débeda a longo prazo será a día 31 de 55.9 millóns de euros e a previsión de amortización do pagamento da débeda de 2011 é de 8 millóns e 1.9 millóns de pagos de intereses.

A famosa auditoría
que (nos) custará 147.000€

Neste contexto, seguindo as directrices de Mariano Rajoy para os cargos do PP nas administracións locais recuperadas, Sierra anunciaba hai agora máis de dous meses a realización dunha auditoría das contas municipais que, segundo estipula a lei, deben ser públicas e fiscalizábeis. A contratación deste servizo a todas luces prescindíbel encádrase na intención do PP de escenificar a existencia de buratos económicos que doten de coarctada ás políticas de recorte do gasto social, pero suporá para as arcas municipais 147.000 euros a abonar solidariamente por todos os veciños e veciñas. Un exemplo máis de como as autoridades locais entenden a “contención” e a “austeridade”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s