Concello apelará a Rajoy para que solicite a celebración dun Consello Europeo en Compostela

A atracción da equipa de goberno local polas medidas espectáculo non ten límite. Este xoves o Pleno Municipal aprobaba cos votos de PP e PSOE unha moción presentada polo primeiro instando ao Executivo español “a promover entre as autoridades da Unión a celebración dun cumio –sinaladamente dun Consello Europeo- na cidade de Santiago de Compostela”. Paula Prado (PP) puxo como argumento o “magnífico clima espiritual, cultural ou anímico” (?) que existiría na cidade.

O rosario de razóns expostas para valer a proposta é sintomático de como a corporación debece pola escaparatismo e os actos que “traian xente” tan característicos da mentalidade tipo ¡Bienvenido, Mr. Marshall! Así, por exemplo, Paula Prado, que confunde a historia de Europa coa construción dun organismo funcional aos intereses dos grandes grupos financeiros como é a UE, aludiu ao “papel que esta cidade ten xogado na conformación dunha conciencia europea”, así como “a acreditada capacidade (…) para acoller as máis esixentes e sobranceiras visitas e encontros institucionais”.

A titular de Benestar Social asegurou que somos “a cidade española” –Prado non perde oportunidade para introducir a coletilla– que, como poucas, ou como nengunha, representa ou simboliza o proceso de integración europea” (?) e ofertou o noso “magnífico clima espiritual, cultural ou anímico” nada menos que “para que Europa se atope a si mesma”. As similitudes da moción municipal con certas encíclicas papais son máis que significativas.

Completa ausencia
de razóns fundamentadas

Sen explicar en nengún momento cales poderían ser os benefícios reais que para a veciñanza e a cidade tería unha fugaz reunión do CE, a edila concluiu que Compostela ten “unha sobrada e coñecidísima lexitimidade histórica para postularse como lugar de encontro dun cumio europeo” e puxo a visita de Joseph Ratzinger como (pésimo) exemplo da “recoñecida experiencia e capacidade da cidade para acoller visitas institucionais”.

A hipotética reunión do máis alto órgano político da UE en Compostela suporía, no caso de se celebrar, un desembarco de decenas Chefes de Estado e de Goberno, funcionari@s europeos, asesores, xornalistas, escoltas privad@s, policías, militares, etc., así como unha mobilización de compañías por volta do acontecemento e a fugaz proxección da cidade nos telexornais europeos. A nivel local, o evento implicaría un puntual boom para contados e consolidados grupos do sector hostaleiro e da restauración, pero, sobre todo, importantes gastos que Prado eludiu referir para a adecuación de Compostela ao desembarco. Gastos que, unha vez máis, poñen en cuestión a retórica oca da austeridade de Conde Roa.

Cuestionar a hipertrofia
do sector turístico local

Cuestionamos a utilidade social de semellantes eventos para a cidade. Xa non só polas molestias imediatas que provocan á veciñanza –cortes de circulación, rexistros policiais, identificacións, suspensión de dereitos civis, etc.-, senón porque zugan nas arcas públicas en tempos de crise e obedecen á mesma lóxica que impera en todos os grupos da corporación: facer de Compostela unha capital cuxo PIB pivote dun modo crecente sobre o monocultivo do sector turístico, as exposicións feirais e as reunións de executiv@s high standing.

Máis paradoxal aínda parécenos que sexa Paula Prado, titular da carteira de Benestar Social, a principal valedora deste tipo de iniciativas, cando é sabido que a problemática socioeconómica de Compostela, que ela debe coñecer –desemprego, emigración, temporalidade laboral masiva, pobreza, máis de 6000 vivendas vacías, xente sen casa, etc.-, non vai encontrar alternativas na hipertrofia do sector turístico, nen nas visitas de autoridades de alto rango, senón na implementación desde o Concello de medidas económicas e fiscais favorábeis aos sectores produtivos locais hoxe completamente desmantelados. A situación en que se encontra o Mercado de Gando de Ámio é un caso paradigmático neste sentido.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s