Botellón organizado por Conde Roa na praza do Obradoiro sáldase cun fracaso de asistencia

O botellón organizado polas autoridades municipais na praza do Obradoiro na noite vella resultou un fiasco en asistencia de público. Ao contrario que alcalde e edis, que decidiron gastar 16.000 euros do erario público nun evento completamente innecesario, ao tempo que se enchen a boca de chamamentos à “austeridade” e a “non gastar o que non temos”, a veciñanza sí optou pola sobriedade celebrando o fin de ano na casa ou alugando baixos colectivamente. Os que prometían “uvas, orquestra e foguetes” mobilizaron ao Obradoiro menos de 2000 persoas.

Segundo informacións chegadas á Candidatura do Povo, o alcool circulou con liberdade na praza do Obradoiro (petacas, champán, etc.) nun clima de festa. A celebración deste botellón informal con convocatoria municipal e financiamento público da actuación musical foi paradoxal, dado que desde o Concello se lanzou nestes meses unha cruzada contra o consumo de alcool fora dos establecementos autorizados detrás da que están nomes como Ángel Espadas, Conde Roa e Paula Prado, nalgún caso con práticas persoais tan pouco exemplarizantes sobre a cuestión.

Esta cruzada, que apela en ton paternalista á “protección d@s moz@s”, encanto non é capaz de ofrecer traballo digno ou posibilidades de aceso a unha vivenda, concretouse na aprobación dun brutal rexime sancionatorio que impón multas de 750€ a menores detectados pola Polícia Local bebendo na rúa e de 3000€ ás súas familias. Un exemplo máis da dobre moral que caracteriza á extrema dereita en Compostela e en toda a parte.

Manipulación de cifras
para simular un “éxito”

En declaracións a El Correo Gallego, Raxoi calificou a festa de “éxito total” e estimou que a asistencia cubría dous terzos da superficie da praza, destacándose dun modo suspeitosamente reiterativo a “ausencia de incidentes” e a “tranquilidade” en contraste cos botellóns extraoficiais. De ser certa a declaración, e dado que o Obradoiro ten unha superficie de 7.700 metros cadrados, terían asistido 15.400 persoas se presupomos que cada metro cadrado estaba ocupado por tres individuos. Nada nos indica que as cousas fosen así.

Outras fontes menos afectas ao PP e á alcaldía e a referencia próxima de veciñas/os que acudiron ao Obradoiro indican que a versión oficial carece, unha vez máis, de calquer rigor. A edición local de La Voz de Galicia, menos comprometida co apoio á política municipal de Conde Roa, informou de que o número de asistentes, contabilizando grupos de turistas maioritariamente portugueses, estaba por baixo das 2000 persoas. As informacións de persoas que asistiron á festa tamén apunta nesta dirección.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s