Nova ordenanza municipal facilitará a proliferación de letreiros publicitarios na coroa dos edificios

O Pleno aprobou o día 28 cos votos exclusivos do Partido Popular o proxecto de Ordenanza reguladora de la Publicidad y la rotulación en Santiago de Compostela. O texto, coa novidade de estar redixido en español, rompendo a tradición de que os documentos municipais se publiquen en galego, regula a instalación de publicidade estática e móbil, pero, a pesar de ser proteccionista respecto do casco histórico, dando base legal para o remate da proliferación caótica de publicidade comercial e institucional e, en parte, tamén na zona nova, abre a porta para a instalación de publicidade luminosa na coroación dos edifícios.

Despois da exposición de criterios xenéricos sobre o control da publicidade no espazo urbano, a ordenanza exclúe (art. 1. 3) a actividade informativa e propagandística do tecido asociativo local. Esta, que non é considerada “publicidade”, trátase cunha normativa específica aprobada polo bipartido PSOE-BNG e caracterizada polo rigor punitivo e os graves recortes que establece para o exercicio da liberdade de expresión en nome da “limpeza” e a protección do espazo urbano.

Como criterio xeral, a presente ordenanza ten a virtude de establecer normas claras respecto de formatos publicitarios, protección de certos inmóbeis, licenzas, etc. xerando un marco legal que pode posibilitar un control sobre o crecemento descontrolado da publicidade. Contodo, no apartado negativo existen varias cousas a sinalar.

Lonas ou faixas

Aínda que o traballo informativo de asociacións e colectivos fica fora do ámbito da ordenanza, chama a atención o art. 19 sobre lonas en andaimes de edificios en obras. A ordenanza toléraas fora do casco histórico, previa solicitude da licenza e abono das taxas, pero na zona vella este tipo de soporte poderá instalarse cando sexa “institucional ou de eventos culturais previa solicitude”. Dado o radicalizado perfil ideolóxico do grupo de goberno, temos a intuición de que a consideración de certos actos como “eventos culturais” vai estar suxeita a unha arbitrariedade importante para evitar que as “lonas” de determinadas asociacións e organizacións teñan presenza no casco histórico.

Poñamos un exemplo posíbel: tolerancia absoluta coa propaganda da Carreira Pedestre anual de El Correo Gallego, que durante anos inza a cidade de faixas e outros soportes comerciais –casco histórico incluido- e tolerancia cero para centros sociais como A Gentalha do Pichel, recentemente extorsionada polo Concello por pendurar nunha cacharela unha faixa reivindicando a nosa lingua. O exemplo non parece un improbábel.

Liberdade de expresión?
Sí, pero para as empresas

A colocación de cartaces polo tecido asociativo está proibida en todo o termo municipal, se exceptuamos os contados, e ocultos, Espazo Reservado para a Liberdade de Expresión que o bipartito sementou xa hai anos nos lugares menos transitados da cidade. Contodo, empresas, comercios e institucións si poderán exercer a liberdade de expresión neste soporte –presupomos que previo abono de taxas- en marquesinas de autocarro, cabinas telefónicas, puntos informativos, etc. porque obterán a licenza preceptiva con maior facilidade ou, simplesmente, por teren unha capacidade económica inusual na maioría do tecido asociativo.

Pantallas na rúa

Nada máis chamativo que contemplar un grupo de veciños en silencio nunha paraxe de autocarro contemplando unha pantalla electrónica que cuspe consignas informativas e spots publicitarios. Este tipo de soporte que o bipartito comezou por nas rúas –Porta Faxeira, praza de Galiza, etc.- parece ser tamén do gosto do PP. De feito, no art. 20 da normativa anuncia que estas pantallas de publicidade fixa ou variábel poderán fixarse en espazos públicos fixados polo Concello. Dado que a publicidade é de pago, e vista a época de vacas fracas para o erario municipal, a proliferación na rúa deste tipo de pantallas televisivas é case segura.

Esta multiplicación, estendendo a nosa condición de espectadores incluso aos espazos comunitarios, compleméntase coa posibilidade que abre o art. 38 de que o Concello instale postes de publicidade –tamén de abono- en terrenos de propriedade municipal.

Ábrese a porta á instalación de
publicidade na coroa de edificios

A pesar de que a ordenanza asegura no seu art. 9 que “Non se autorizarán en nengún caso actuacións que produzan distorsións perxudiciais para o edificio soporte, a paisaxe urbana ou natural”, este criterio é vulnerado en grande medida nos arts. 39, 40 e 41. Así, o art. 39 abre a porta á instalación de publicidade nas coroas dos edificios –luminosa incluida- e no art. 41 recóllese que estes letreiros poderán alcanzar os 3.5 m. de altura e chegar a unha superficie de 30 metros cadrados.

Vistas as posibilidades da propaganda comercial nunha capital á que cada día aflúen miles de persoas desde os concellos limítrofes, as consecuencias desta condescendencia municipal coa publicidade na coroa de edificios podería ter efeitos terroríficos sobre a nosa paisaxe urbana. Imaxinemos, por exemplo, como poderían ficar as saídas de Compostela en dirección a Noia, Coruña ou Vigo, a subida ao Castinheirinho, etc. se finalmente se aproba esta normativa.

Rexime sancionatorio
posibilita a infracción

O art. 58 estabelece multas do 1-5% do seu valor para as instalacións publicitarias executadas sen licenza cando sexan legalizábeis. De non selo, a contía pasa ao 10-20% do custo das actuacións necesarias para restablecer as alteracións producidas. Isto ten dous problemas: por unha parte, as amplas marxes sancionatorias en que se move o Concello, que dan pé á discrecionalidade. Por outra, a introdución do carácter legalizábel dunha ilegalidade que pode interesar a moitas empresas se a rendabilidade obtida nese tempo compensa a sanción.

Por último, a ordenanza estipula que “en nengún caso a infracción (…) pode supor un gaño económico para o infractor”, e anuncia que, cando a suma da sanción e do custo da restitución dos bens alterados sexa inferior a dito gaño, a multa incrementarase “ata alcanzar o montante do mesmo”. Contodo, o gaño xerado pola instalación dunha publicidade ilegal é tecnicamente inestimábel. Unha vez máis, como criterio xeral, imponse a premiencia de empresas e institucións sobre os dereitos de de persoas e colectivos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s