7000 veciños depositan a súa asinatura para impedir que o concello feche a feira de Ámio

Membros da Plataforma cidadá en defensa do mercado de gando de Ámio entregaron onte 7000 asinaturas no Rexisto Municipal para evitar a clausura da feira gandeira e a súa transferencia para Silheda, segundo pretenden o PP autonómico e o alcalde Conde Roa. A resposta veciñal a esta reivindicación, á que agora debe contestar o Concello, sobardou todas as expectativas imaxinadas. Despois da aparente flexibilización da súa posición inicial, Conde Roa debe escoller agora entre submeterse á vontade maioritaria ou situarse á frente dela.

Reunir nun prazo de semanas as asinaturas de sete mil veciñ@s evidencia que a reivindicación da permanencia do mercado ten na cidade un apoio social moi superior á masa de veciñ@s ligados directamente á produción agrogandeira. Alén do caso concreto de Ámio, a cuestión que temos encima da mesa é un dilema entre dous modelos de cidade: o que cifra as expectativas socioeconómicas no exclusivo engorde do sector servizos -en particular, do turístico- coas consecuencias sociais xa coñecidas de empobrecemento masivo, desemprego e emigración, e o que aposta na diversificación económica a partir do aproveitamento dos recursos propios.

Ámio debe continuar

129 anos de historia ás costas, unha facturación de 50 millóns de euros anuais e 536 explotacións en Compostela e 2500 na comarca facendo as súas transaccións nesta feira son cifras indicativas da importancia que ten Ámio para a cidade. Defender a permanencia do mercado é defender as bases materiais da soberanía alimentar da comarca, á vez que resistir a un modelo que concibe Compostela como simples destino de turistas, nicho de negocio para grandes áreas comerciais e cadeas hostaleiras e viveiro de man de obra barata para a explotación e a exportación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s