Empresa privada seguirá lucrándose outros cinco anos da xestión da ORA e o guindastre

A empresa privada madrileña Setex Aparki seguirá sendo durante cinco anos máis a beneficiaria da xestión do servizo da polémica ORA e o guindastre na nosa cidade. Segundo se informou nestes días, a compañía asume de novo a concesión destes servizos despois de participar no concurso de adxudicación con outras catro. A decisión ratificarase nunha Xunta de Goberno a celebrar para finais deste mes, dado que o prazo da concesión remata o 31 de xaneiro.

“Foi un concurso limpo”, anunciou o concelleiro de Mobilidade Albino Vázquez Aldrey, como se pretendese por en valor ou facer noticiábel o que, na pura teoría, non pode ser de outra maneira. O anuncio do edil fíxose tras coñecerse que Setex renovará probabelmente o seu contrato co Concello de Compostela. Vázquez apuntou tamén como un dado a favor a “importante experiencia” da compañía nesta actividade que xa xestiona desde os tempos do bipartito e en moitas cidades do Estado español.

Mudanzas no servizo

Coa renovación contractual prepárase un novo depósito de carros retirados polo guindastre. Segundo o informe de Setex, a parcela que substituirá á da Pulheira estaría perto do Polígono do Tambre, a un quilómetro do límite do centro, e contaría cunha superficie de 3000 metros cadrados. Aguardamos que estas dimensións non sexan o preludio dunha política de retirada sistemática de carros que tan lucrativa resultaría para Setex, e Raxoi nega formalmente, porque, se a cifra diaria de carros retirados (20-30) é real, a superficie da parcela parece esaxerada.

O mesmo informe anuncia que o novo depósito terá as “condicións adecuadas” de modo que, implicitamente, se recoñece que non existían no actual como se denunciou en moitas ocasións. A renovación dos carros do guindastre, a mudanza dos postes da ORA nas rúas onde hai aparcamento regulado e o incremento da vixilancia de Setex nas zonas que usufrutúa son as outras mudanzas que o Concello trasladou como positivas. Alén disto, todo indica que Raxoi seguirá ofrecendo as infraestruturas municipais á empresa para que esta xestione o estacionamento en Compostela e se beneficie desa xestión.

Control policial a distancia
sobre os estacionamentos

O sistema de retirada de carros tamén muda. Ata agora, axentes da Policía Local que ían no guindastre decidían cales debían ser retirados. Coas mudanzas introducidas a partir deste mes o guindastre incorporará un dispositivo electrónico para retransmitir á sala de pantallas do Concello a imaxe dos carros mal estacionados. Será nas dependencias policiais onde se decida, a distancia, se o carro en cuestión está estacionado de forma indebida. Aseguran desde Raxoi que, así, se liberan policías para a regulación do tránsito rodado.

Lucrativo negocio
en mans privadas

Alén do guindastre, Setex, para a que traballan por volta de 40 veciñ@s de Compostela, regula 55 rúas e prazas sobre as que rexe a ORA. Isto tradúcese no control directo sobre 1596 prazas de estacionamento, 232 reguladas de forma parcial (carga e descarga) e 128 parquímetros. Se multiplicamos as taxas impostas por estacionar pola cantidade de prazas que Setex xestiona poderemos facernos unha visión aproximada da facturación diaria da empresa madrileña na nosa cidade.

Racionalidade para a xestión
do estacionamento na cidade

Unha racionalidade elemental recomendaría que, de existir un servizo das características do que xestiona Setex Aparki, con pagamento do estacionamento e fortes sancións por servizos de guindastre, este fose de propiedade municipal, de modo que os ingresos recibidos a através de ambos impopulares servizos revertisen 100% no erario municipal. É esta unha medida factíbel e realista, pero que esixe un tipo de vontade política tendente ao reforzo do público que non impera no goberno local.

Alén disto, existen outras medidas viábeis que desatoarían o tránsito rodado en Compostela sen privatizar as rúas como, por exemplo, a potenciación do transporte público, do que nesta semana aínda se queixaban @s veciñ@s das parroquias do norte do concello, a construción de estacionamentos públicos nas aforas que estivesen comunicados por liñas regulares de autocarro co centro, etc. No entanto, parece que no Concello prefiren seguir deixando á iniciativa privada este lucrativo bocado que, de ser de tod@s, contribuiría a aliviar a situación das arcas municipais.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s