Anuncian que a “Vuelta a España 2012” cumprirá unha das súas etapas en Compostela

A noticia fíxose pública onte. A proba deportiva Vuelta Ciclista a España 2012 celebrará o 31 de agosto a súa 13ª etapa na nosa cidade. Cúmprese así a demanda do alcalde Conde Roa e do edil de Deportes Adrián Varela, que o pasado 14 de decembro suxerían a posibilidade de que La Vuelta cubrise unha etapa en Compostela como iniciativa que, pretendidamente, contribuiría á reactivación da deteriorada economía local e a mellora da difícil situación económica que viven decenas de miles de compostelan@s.

O percorrido da etapa decorrerá entre Compostela e Ferrol, pasando por Arteixo e A Coruña. Dado o debate que xeran neste contexto de crise iniciativas como esta, a organización de La Vuelta xa comezou fabricar argumentos para fundamentar a suposta rendibilidade social da proba. Así, sen achegar maiores dados, e xeneralizando a todo tipo de cidades, apuntaron que “cada etapa supón de media un retorno de 560.000 euros pola repercusión en medios, os gaños á hostalaría nos lugares de entrada e saída e pola activación do consumo”.

Os organizadores alegan ademáis que 1500 persoas se aloxarían en Compostela o día da saída da carreira, co conseguinte extra para as cadeas hostaleiras e “un gasto en cada sede de 200.000 euros”. Nesta sucesión de cifras económicas, desde a Vuelta non esquecen alimentar a ilusión do pequeno comercio local e aseguran que o incremento do consumo nunha xornada ao paso dos ciclistas é de 60.000 euros sobre unha xornada ordinaria.

O Concello non colaborará a
nivel económico “en principio”

En declaracións a Onda Cero, Varela, o mesmo que propuña a semana pasada instalar unha pista de xelo na praza do Obradoiro e, en xullo, facer as semifinais da Copa Davis na Cidade da Cultura, afirmaba que “a nosa intención é que saia –a proba- desde o Obradoiro e faga un pequeno percorrido por varias rúas do casco histórico”. Parece que Varela, a pesar de titular municipal de Deportes, descoñece os máis elementares rudimentos dunha proba como La Vuelta, que necesita vías máis ou menos amplas para se desenvolver e na que, nos puntos de saída, existe unha masiva afluencia de público. Alén de outros motivos, o noso casco histórico non é o lugar máis adecuado para organizar carreiras de bicicletas.

Adiantándose ás críticas obvias, Varela declarou tamén que “o Concello colaborará loxisticamente, pero en principio non o fará economicamente”. Só en principio. Esta afirmación tamén é pouco críbel, porque toda loxística precisa de aparato económico para se sustentar. As declaracións do edil contradinse ademáis coas realizadas polas autoridades municipais en decembro, cando aseguraban que sería necesario un desembolso de 40.000 euros que, pensaban eles, depositarían os hostaleiros locais despois de “convencelos”.

Rechazamos o modelo
de cidade como circo

Pretender que a situación socioeconómica municipal, con 8600 veciñ@s no desemprego e un 22% de pobreza sobre un censo municipal de 95.000 persoas, se vai paliar nalgunha medida con ocorrencias como a a celebración da Copa Davis na Cidade da Cultura, La Vuelta ou un Consello Europeu, fai parte do mundo da política fición. Os únicos beneficiarios de semellantes eventos son as cadeas hostaleiras, os turoperadores, as axencias de viaxes e, neste caso, o entramado de compañías que se move por volta do sector turístico.

Os ultraneoliberais que ocupan Raxoi co voto do 25% d@s eleitores potenciais non teñen máis proxecto de cidade que unha especie de Disney Compostela e, dominados pola falta de imaxinación e esa mentalidade pailá tan típica daquela película española titulada ¡Bienvenido, Mr. Marshall!, consideran que o futuro social e económico da nosa cidade debe apostarse á sempre inestábel afluencia de visitantes.

Isto non é España!

Con 598 sufraxios, que se suman a moitos dos 6389 que obtivo o BNG o pasado 22 de maio, a Candidatura do Povo fai parte dese numeroso continxente de veciñ@s que, lexitimamente, non nos sentimos españois e reivindicamos para o noso país un estatuto de soberania política. Desde este punto de vista –repetimos, lexítimo- interpretamos a celebración de La Vuelta a España 2012 en territorio galego como unha imposición e unha ofensa á nosa existencia e dignidade como povo.

O despropósito que, desde a nosa óptica, representa celebrar esta proba en Compostela, ten diante distintas frentes de crítica. Desde o punto de vista específico da promoción do deporte galego, entendemos que tampouco fai sentido apoiar a La Vuelta cando as seleccións do noso país teñen vetada a participación en probas deportivas internacionais e cando o deporte galego de base –ciclismo, incluido- se enfrenta a unha política sistemática de recortes orzamentares e abandono que fai imposíbel o seu desenvolvemento.

Resposta cidadá

A Candidatura do Povo anuncia desde xa que, xunto a outros sectores sociais da cidade, adoptará as iniciativas necesarias nas próximas semanas para denunciar este novo engano institucional, para dar a coñecer á cidadanía os motivos do noso rechazo e para activar unha ampla resposta social frente á celebración de La Vuelta a España en Compostela por todas as razóns que vimos de expor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s