Dúbidas razonábeis sobre a política de infraestruturas en Compostela

Existe nesta cidade un leque de infraestruturas e estratexias empresariais que están fora do debate público. A construción do AVE entre Compostela e Madrid, a estación intermodal de deseño que “evitará” que a actual se convirta -segundo ameazaba Sánchez Bugallo nunha entrevista recente- “en apeadeiro”, a creación de condicións para a recepción ilimitada de turistas, o investimento público millonario no aeroporto local, etc. fan parte das obras e estratexias económicas cuxa virtude ninguén cuestiona e das que só cabe debater sobre “prazos”.

Así, encontramos que praticamente todos os axentes sociais, sindicais e políticos interiorizaron a (minoritaria) necesidade de chegar a Madrid no menor tempo posíbel, cando carecemos de liña de tren de Compostela a Lugo e sabemos que o AVE anuncia a implosión da rede ferroviaria interior. Ninguén ousa tampouco afirmar que construir unha estación intermodal de deseño é prescindíbel, porque a intermodalidade da actual se pode executar con adecuacións e investimentos públicos considerabelmente inferiores ás propostas anunciadas.

Idem se falamos da Cidade da Cultura, agora en suspensión, para a que encanto se construía se organizaban debates e concursos de ideas para ver o que facer con aqueles edificios. Van 465 millóns de euros dilapidados no proxecto do moribundo Fraga Iribarne, 2 millóns de pesetas diarios en calefacción, luz, seguranza, limpeza, agua, etc. e os responsábeis seguen a imaxinar inventos cos que encher de contidos o contentor e xustificar o burato negro que crearon. Alguén imaxina o que se podería facer en emprego, protección social, sanidade ou dependencia con estas cifras?

Aeroporto da Lavacolha

O aeroporto central galego tampouco escapa a estas percepcións. O 13 de Outubro de 2011 púñase en funcionamento a nova terminal aérea levantada con man de obra internacional. As autoridades fixaran en 2009 un orzamento de 171.5 millóns de euros para construir a que se anunciaba como segunda terminal cando, de feito, sería un novo aeroporto. O custo final da infraestrutura foi de 230 millóns, isto é, a factura final saiunos un 34% máis caro que a inicial.

Alegaran daquela que a vella terminal, aínda por baixo do teito de utilización de 2.5 millóns de persoas ano, xa esixía outra, porque a afluencia de turistas desbordaría as instalacións en breve (obviemos que, á vista do complexo escenario económico e político mundial, é arriscado facer predicións deste tipo con tanta seguranza). O caso é que fechou a terminal e substituiuse pola nova. É fácil pensar que pequenos axustes e ampliacións do vello aeroporto posibilitarían, con investimentos públicos moi inferiores, lograr os mesmos obxectivos.

O fío condutor

A totalidade destes proxectos millonarios que se executan ou proxectan nun momento difícil para a maioría social fundaméntase no mantra indiscutido de que a afluencia masiva de turistas a Compostela e, por extensión, a Galiza, é algo intrinsecamente positivo porque reactiva a economía local e nacional, xera emprego e riqueza e mellora as condicións sociolaborais da maioría. Baixo esta premisa axe hoxe o máximo responsábel político da promoción do sector turístico en Galiza, Alberto Núñez Feijoo.

Contodo, despois de décadas de aplicación do paradigma, vemos que se do reino das ideas baixamos ao da estatística de desemprego, exclusión social, emigración, precariedade, etc. a premisa non se cumpre, aínda que non perda por iso a súa vixencia na opinión pública. Quen sí fixeron e están a facer o agosto foron as áreas comerciais que multiplicaron a súa presenza en Compostela nos últimos anos a conta de afogar o pequeno comercio, as grandes cadeas hostaleiras, as axencias de viaxes e turoperadores, multinacionais como Ryanair ou Air Nostrum, empresas de construción e UTEs implicadas en grandes infraestruturas, a clase política, etc.

Cuestionar a premisa

Vistos os resultados, e as previsións, pagaría a pena comezar cuestionar a asentada idea de que a hipertrofia do sector turístico e o desenvolvemento de políticas de infraestruturas supeditadas a este garante mellores condicións de vida para a maioría da veciñanza. De momento, este mantra que todos e todas repetimos está por verificar e xa existen dados abondo como para pensar que pode non ser certo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s