Edificios do casco histórico véndense a prezos astronómicos para millonarios estranxeiros

A noticia aparece hoxe no ultraconservador diario local El Correo Gallego: “Procúrase millonario para mansión de luxo con vistas ao casco histórico”. Non se trata dun anuncio promocional, a pesar da apariencia, senón de información local. O inmóbel referido é o edificio modernista situado na confluencia das Casas Reais coa rúa Travesa, vale 4.7 millóns, ten máis de 1600 metros cadrados, parcela traseira de 800 e é, segundo a fonte, o edificio máis caro da zona vella. Insiste El Correo en que nesta hai “máis xoias inmobiliarias de rebaixas”.

A crónica asegura que aínda “fican mansións á espera dun comprador que as resgate (sic) do esquecimento”. Unha moi cuestionábel, pero garantida, estratexia de venda patrimonial, porque o elevado custo destes inmóbeis e o investimento necesario para a rehabilitación non son entraves ás transaccións xa que, segundo Rafael Canales, director do grupo inmobiliario Aldeasabandonadas.com, “para as propiedades singulares sempre hai demanda” (sic).

Asegura Canales que a este selecto nicho de mercado “apenas lle afectou a crise”, aínda que se laia de que o “cliente nacional” se ve freado pola falta de financiación. Contodo, tampouco isto é maior problema porque “a irrupción dos estranxeiros contribúe a mantér vivo o sector”. “Están entrando moitos compradores de Europa”, declara satisfeito. “Empresarios, profisionais liberais, xente adiñeirada e, sobre todo, moi elitista, é a que pon os ollos nas xoias inmobiliarias que atesoura a améndoa”, segundo apunta o director deste grupo empresarial que fixo da crise demográfica o seu nicho de mercado.

Perigo evidente

A venda ou revenda de edificios patrimoniais a elites económicas, que se “xustificará” coa coarctada da súa rehabilitación polos novos propietarios, abre camiño á privatización permanente dun patrimonio cuxo carácter público –aínda que fose utilizado como vivenda de aluguer- deberían defender institucións locais e autonómicas. Do mesmo modo, posibilita a extensión no casco histórico das segundas residencias para uso de temporada. Algo que é inaceptábel nunha cidade con 6000 vivendas vacías e miles de persoas sen dereito a vivenda propia.

Se pensamos no baixo poder adquisitivo e a elevada idade media de centos de persoas que residen na zona vella, o perfil ultraneoliberal  e de desprezo cara a nosa identidade que impera na corporación e o suculento negocio que supón para o sector inmobiliario a venda de edificios históricos, temos todos os elementos necesarios para imaxinar, a tempo vista, unha parte significativa do patrimonio local fuxindo do control das administracións públicas e da veciñanza. Outro motivo máis para estar en guarda frente aos que deciden en base á rendibilidade privada.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s