Candidatura do Povo apoia manifestación que recordará que “Fraga Iribarne foi un fascista”

En medio da intensa intoxicación informativa de que somos obxecto nestes días arredor da figura do ex ministro de Francisco Franco Manuel Fraga Iribarne, un abano de colectivos sociais e organizacións xuvenis e políticas chama aos galegos e galegas a se manifestaren en Compostela para por enriba da mesa a verdade histórica sobre o ex presidente da Xunta de Galiza, denunciar o chanchullo contra a democracia que foi a Transición e reivindicar unha auténtica democracia.

Fraga Iribarne foi un fascista. A Transición foi unha fraude contra o povo galego, con esta lexenda @s convocantes da manifestación que está aberta a novas adesións sitúan os dous elementos de denuncia e mobilización. Os grupos municipais soberanistas Ames na Esquerda e Candidatura do Povo, os centros sociais Casa do Vento e Arredista, AMI, Movemento pola Base, Ceivar e OLN son as primeiras entidades que aderiron á manifestación que sábado ás 12 da mañá partirá desde a Alameda de Compostela ate a praza 8 de marzo. @s organizador@s xa cursaron as perceptivas comunicacións do acto á Delegación do Goberno.

O grupo municipal de base da Candidatura do Povo apoia esta mobilización nacional por compartillar a caracterización que @s convocantes fan da figura histórica de Fraga Iribarne e do período coñecido como Transición, así como por entendermos que, ante a campaña de manipulación histórica padecida nestes días, é necesario que os sectores demócratas, antifascistas e soberanistas da sociedade galega poñan negro sobre branco a verdade histórica do noso pasado. A memória de Ánxel Casal e Joám Jesus Gonçales, compostelanos assassinados polos correlixionarios ideolóxicos de Fraga Iribarne, estará presente na Alameda.

Manifesto público

Anexamos a continuación o manifesto publicado polas entidades asinantes da convocatoria e animamos á veciñanza de Compostela a sumarse a este acto para reivindicar unha auténtica memoria histórica e unha auténtica democracia.

Contra a terxiversación da nosa história

Fraga Iribarne foi un fascista

A Transición foi unha fraude contra o povo galego

A morte de Manuel Fraga Iribarne desatou unha operación de terxiversación histórica de dimensións monumentais. Por obra e graza de medios, partidos constitucionalistas e opinólogos, o máximo responsábel da represión en 1962-1969 e logo, en 1976, o asinante de execucións sumarias, o responsábel político de asasinatos e arquitecto da fraude que para a maioría social galega foi a Transición Democrática, aparece de súpeto como un vello entrañábel, un tanto rudo, pero, a fin de contas, “comprometido con Galiza” e “loitador pola democracia”. O engano histórico que se consuma nestes días é colosal e merece ser respondido nas rúas da Galiza.

O relato manipulado da historia recente oculta sen embargo que Fraga Iribarne morreu considerando que o Xenocidio iniciado en 1936 fora “necesario” e que nunca respondeu polas súas actividades e crimes á fronte do Ministerio de Información do fascismo. Oculta e manipula, tamén, que desde a súa responsabilidade como presidente da Xunta de Galiza, submeteu o noso País á destrución de todos os seus sectores produtivos estratéxicos, cumprindo as ordes de Madrid como bo “servidor de España” que foi, producindo desemprego, emigración e miseria para miles de galegas e galegos. O relato oficial silencia tamén que minorizou con grande éxito a presenza social da nosa língua, á vez que facía gala dun galeguismo folclorista e que construiu un entramado de poder caciquil, institucional e empresarial confrontado cos dereitos e necesidades da maioria social dos galegos e galegas.

Por que todos repiten o mesmo?

A unanimidade do arco político e mediático que sustenta o Estado español sobre Fraga Iribarne ten unha explicación lóxica: o ex ministro fascista foi un dos deseñadores e executores dun dos experimentos de enxeñaría social mais exitosos dos últimos tempos: a Transición española. Sintetizando en extremo, esta operación permitiu pasar dunha ditadura criminal a un rexime formalmente democrático sen remover os pilares fundamentais do sistema que se impuña a lume e fogo en 1936 e permitindo que criminais como Fraga Iribarne ou Martín Villa se convertesen en “democratas” sen asumiren as súas responsabilidades penais.

A Transición foi unha fraude contra o povo galego: mantivo a dependencia histórica, furtou o exercicio do direito de autodeterminación e impuxo un rexime autonómico xestionado polos mesmos que, anos antes, inzaran Galiza de paseados, presos e torturadas. Os mesmos cans de sempre, agora, con outros colares, serían os que construisen esta presunta democracia.

Manifestación nacional: sábado 21 de xaneiro

ás 12:00 h. desde a Alameda de Compostela

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s