Paula Prado admite que frente aos crecentes níveis de exclusión e desemprego Raxoi conta sobre todo coa Igrexa

“A administración local non chega a todas partes, a administración é imposíbel que atenda a todas as persoas que están nunha situación de necesidade”. Con estas declaracións da edil de Benestar Social, Paula Prado, á tertulia de Radio Obradoiro, o goberno municipal  aclara que, en materia de desemprego e exclusión social, a administración local non vai aplicar políticas substantivas. A cambio, Prado apuntou que a estratexia de Raxoi contra o desemprego e a exclusión social se basea na política de subsidios municipais a entidades controladas pola Igrexa Católica.

Raxoi non ten solucións para a principal problemática da veciñanza, é dicir, o desemprego que xa se aproxima aos 10.000 veciñ@s e a exclusión social, que alcanza por volta de 22% do censo local. Ampárase para iso na cantinela da “falta de recursos”, a insuficiencia das competenciais municipais, o dogma neoliberal de que o sector público non debe regular os mercados nen combater as súas consecuencias e a confusión permanente dos neoliberais entre solidariedade e caridade.

Así, a concelleira Paula Prado, que compatibiliza a responsabilidade dos servizos sociais municipais e un estilo amábel coa adesión á ortodoxia aznarista e a condición de membro da Executiva do PP na CAG, declarou que Raxoi canalizará o groso da súa política social a través de entidades como Cáritas Diocesana, o albergue de Xoán XXIII -onde durmen 20-30 persoas-, o Proxecto Home ou a Cociña Económica.

Desresponsabilizan as institucións
da loita contra o desemprego e a pobreza

Así, a pesar de que os orzamentos locais aínda non foron aprobados, Prado anunciou a cuarta-feira 1 que a partilla do erario local correspondente a benestar social se duplicará a respeito de 2011 alcanzando os 362.000€. No entanto, esta partilla social irá destinada maioritariamente a subsidiar entidades da Igrexa Católica que traballan cunha minoría dos veciñ@s socialmente excluid@s. Como dado significativo dicir que Cáritas pasará a recibir 70.000€ anuais por parte de Raxoi e o albergue de Xoan XXIII 34.000.

A noticia chega a escasas semanas de que se anuncie que a Igrexa Católica, xunto aos Corpos de Seguranza do Estado, será unha das escasas entidades que non sufra recortes nos orzamentos estatais. De feito, a institución relixiosa ingresará cada mes 13 millóns de euros que se sumarán ás partillas que, por distintos conceptos, recibirá de administracións autonómicas, municipais, etc.

É imprescindível
outra perspectiva

Desde a Candidatura valoramos que a creación de emprego e o combate dos efeitos sociais da crise deben ser prioridades absolutas do goberno municipal. Non existe obxectivo nen evento de nengunha clase máis importante que esta cuestión. Neste sentido, constatamos que, debido aos seus profundos condicionamentos ideolóxicos e á falta de vontade política, a equipa de Conde Roa está incapacitada para achegar alternativas.

Desbota a aplicación de políticas de solidariedade institucional contra a crise decantándose polos exercícios públicos de caridade tan característicos da dereita neofranquista, carece de políticas de emprego reais e confórmase con engordar as arcas dunha institución amiga, como a Igrexa Católica, á vez que arrasa os dereitos sociolaborais de miles de galegos e galegas. O resultado é evidente: as enquisas da EPA de febreiro anunciarán que Compostela xa pasa os 10.000 veciños e veciñas sen emprego.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s