Case 2000 desempregados máis desde que o señor Conde Roa tomou posesión da alcaldía

Compostela pode chegar aos 10.000 desempregados e desempregadas na EPA de Febreiro. A cifra é significativa se traemos en conta que o censo local 2011 contabiliza 95.207 persoas na cidade das que 78.000 somos maiores de idade. O ritmo de destrución de emprego dos últimos meses, co cerramento de empresas e a multiplicación dos EREs, fixo que desde xullo –mes no que o alcalde ultraconservador tomou posesión- case 2000 compostelan@s ficasen sen traballo.

Desde o Concello declárase que “o problema escapa ao noso control”, “carecemos de competencias”  ou  “trátase de efectos inevitábeis da crise”, pero, alén do que haxa de real nestas palabras, o certo é que desde xullo, mes a mes, continuou crecendo o desemprego e o goberno local carece de políticas frente a esta realidade. Trás case 8 meses de alcaldía, 1812 veciños e veciñas engrosaron as fileiras das persoas que ficaron sen traballo.

Sen folla de rota válida

A equipa de goberno local, que axiña sairá en defensa do Real Decreto de Medidas Urgentes para la Reforma del Mercado Laboral que deteriora as condicións de traballo, facilita o despedimento e valeira a negociación colectiva, só achega xestos para unha galería cada vez menos crédula -como é o caso do AVE á Lavacolla- e a mantenza da aposta no monocultivo do sector turístico que, segundo certas estatísticas, xa alcanza 25% do PIB de Compostela.

A imprevisibilidade das evolucións deste sector manifestouse unha vez máis en xaneiro, co cerramento de 21 hoteis e pensións, a caída de case 30.000 prazas na oferta e a redución da ocupación ao 22%. A pesar das tentativas de desestacionalización, o sector só florece en certos meses do ano, xera un emprego precario e estacional e depende totalmente do mercado estatal. Se ollamos os altos niveis de empobrecemento que hoxe existen nese mercado, teremos un pragmático argumento máis para apostar na diversificación económica da cidade.

Neoliberalismo radical
con caridade relixiosa

Os ultraneoliberais que hoxe gobernan Compostela non teñen alternativa para o cerramento e empresas e a xeneralización de EREs en Castrosúa, Newco, Finsa, NG Banco, El Correo Gallego, Hotel Cidade de Vacacións Monte do Gozo, etc., por citar apenas algúns dos centros de traballo afectados. De feito, o tándem Conde Roa-Paula Prado xa defende sen pudor que redireccionarán as políticas do Concello frente ás consecuenciais sociais da crise ás ONGs dependentes da millonaria Igrexa Católica, ao tempo que fan novos xestos para a galería (cursos de capacitación, a creación da Axencia Local de Colocación, etc.).

O grupo municipal da Candidatura do Povo reivindica a diversificación económica da cidade, unha promoción municipal sistemática dos sectores produtivos locais que está nas antípodas da tentativa de liquidación da feira de Ámio, o compromiso do Concello coa defensa dos intereses da clase traballadora local e a identificación da creación de emprego e as políticas sociais contra a exclusión como prioridades nos futuros orzamentos municipais.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s