Compostela seguiu achegándose aos 10000 desempregados no pasado mes de febreiro

O desemprego medrou un mes máis en Compostela. Os dados da Encuesta de Población Activa publicados esta cuarta-feira indican que somos xa 9.323 desempregad@s no noso concello e que 57 persoas ficaron sen traballo en febreiro. Este novo díxito reduce o ritmo de extinción de contratos con que se iniciou 2012, xa que en xaneiro se perdían 694 postos de traballo, pero mantén unha prolongada tendencia intermensual de incremento do desemprego para a que non se alviscan alternativas.

A estatística asegura que todos os sectores produtivos e de servizos se viron afectados por esta tendencia que tamén se manifesta nos concellos limítrofes. Alén disto, a pesar de que soe merecer un menor destaque informativo, existe xa no municipio unha bolsa de exclusión social que, segundo Cáritas Diocesana, ronda xa 23% da veciñanza censada no concello. É un dado a destacar tamén o feito de que desde a toma de posesión da alcaldia por Gerardo Conde Roa, o desemprego aumentou no noso concello en 1869 persoas.

É fácil para as autoridades locais escudarse na macroeconomía para evadir responsabilidades sobre cifras tan alarmantes. Contodo, a pesar da escasa marxe de manobra de que dispoñen os concellos no marco actual, é evidente que a equipa de Conde Roa carece de iniciativa para facer frente á situación. De feito, actuacións como a tentativa de clausurar a feira de Ámio, a presentación dos Orzamentos 2012 que anuncian forte pegada antisocial ou a persistencia no erro estratéxico de optar polo monocultivo turístico da cidade, con frutos que á vista están, indica que o PP traballa tamén nesta cuestión na dirección equivocada.

29-M Folga Xeral Nacional

Neste contexto, desde a Candidatura do Povo consideramos que, por se non era suficiente a ineficiencia e o desleixo da corporación na implementación de políticas de emprego efectivas, o apoio do goberno municipal á próxima reforma laboral debe analisarse como unha declaración de hostilidade por parte de Conde Roa aos e ás 10.000 desempregados que axiña terá Compostela. Estas son 10.000 razóns máis polas que o próximo 29 de marzo a Candidatura do Povo chama tamén á Folga Xeral Nacional convocada por CIG, CUT, CNT e CGT.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s