Un individuo leva sete días acampando no Obradoiro coa permisividade da Policía Local

Un novo exemplo das duas varas de medir. Javier Fernández Castillo é un cidadán cubano que leva sete días acampando no Obradoiro. A Polícia Local, sempre áxil para retirar da rúa a persoas sen teito que durmen en soportais, dársenas, etc., ou perseguir aos que penduran faixas reivindicativas, permite pernoctar a Fernández cada día na principal praza da cidade a pesar de que a Ordenanza de Convivencia, Residuos e Limpeza Viaria veta tal posibilidade. Alén disto, o cubano colocou unha faixa de dimensións considerábeis. Outra prática proibida aos veciños no casco histórico.

Por que se permite a Javier Fernández incumprir con absoluta permisividade municipal as normativas que se aplican sistematicamente a persoas sen teito e activistas de calquer colectivo ou asociación? A resposta é que Fernández se encontra, segundo asegura, en folga de fame él só reivindicando “liberdade para Cuba”. O folguista, que pertence a un movemento que no seu país se identifica co apelativo despectivo de gusanos, afirma que “estou disposto a deixar a vida aquí e chegar ata as últimas consecuencias”.

Apoio explícito
de Conde Roa

Entrevistado a media páxina polo diario local El Correo Gallego, declara que “a comunidade internacional non pode seguir dándolle a man aos Castro”. Obvia o folguista que o seu país está sometido desde 1960 a un bloqueo comercial, económico e financeiro que afoga as súas posibilidades de benestar e desenvolvemento. Fernández asegura tamén que “Conde Roa díxome que me ía apoiar” e agradécelle ao alcalde, no seu momento tan presto para “varrer” e “limpar” o Obradoiro de indignados do 15-M, “o xesto que tivo”.

Javier Fernández, todo un exemplo de como as normativas municipais se aplican en función da cor ideolóxica das persoas sancionábeis e/ou do seu status socioeconómico.

2 thoughts on “Un individuo leva sete días acampando no Obradoiro coa permisividade da Policía Local

  1. Díxenlle que non se mesturara con políticos, pero non me fixo caso. Sen apoiar explicitamente ningún partido, mentoume a Conde Roa porque “se solidarizara con el”. Eu díxenlle que “como non ía facelo, pero vaite instrumentalizar, xa verás”. El contestoume que non, que non se ía deixar levar por políticos, e que só ía “defender as súas razóns”. Tamén cando lle dixen que non fora a determinadas tertulias de determinada emisora da Conferencia Episcopal que se prestou ata a levalo ata a porta mesma (tamén porque el non se podía mover, leva así 7 días). Que triste. Non sei que é máis triste, se isto ou que na “noticia” o chamen, indirectamente”, “gusano” (apelativo despectivo referido ós “disidentes”). Por outra parte, non sei a que vén a conto a última frase: Javier non ten un “status socioeconómico” elevado, todo o contrario, e por iso lle custa pagar os sesenta euros que costa renovar o pasaporte cada seis anos; e tampouco ten unha “cor ideolóxica” determinada. Se mentou a Conde Roa, é porque non o coñece, e porque só quere resolver a súa situación, e porque non se decata de que lle están utilizando. Desta vez, moi mal pola “Candidatura do Povo”. O pobo é todo, non só unha parte.

    • Olá, Jorge,

      Vamos facer algunhas precisións que nos parecen necesarias para diluir calquer sensación de manipulación ou de engano pola nosa parte:

      1ª Ninguén chamou “gusano” a este señor. Simplesmente dixemos que, no seu país, a xente que cala ante o brutal bloqueo económico, financeiro e comercial a que están sometidos desde hai décadas, e se presta ás campañas de “dereitos humanos” que patrocinan asasinos en serie como Bush ou Obama, que en casos financia a propia FAES de José María Aznar, son denominados “gusanos” por unha parte considerábel da sociedade cubana. Isto acontece á marxe da vontade particular deste señor. Tamén á marxe da súa vontade é un dado obxectivo que é instrumentalizado por emisoras de extrema dereita. Acaso imaxinas que calquera individuo que se puxese a acampar no Obradoiro con calquer reivindicación ia contar coa permisividade do Concello, a Policía Local e os medios de comunicación? O exemplo recente do 15-M está demasiado perto para responder que sí. Daquela, falábase desde o Concello de “facer limpeza”, “varrer” e de “atitude inaceptábel”. Agora todo indica que a vara de medir é outra.

      2ª Cando nos referimos ao estatus socioeconómico como criterio de discriminación por parte do Concello non estamos a dicir que este señor sexa un potentado, nen que permaneza onde se encontra por ese motivo. En absoluto. Descoñecemos ese dado para afirmalo así. O que queremos dicir é que, mentras, por exemplo, o edil do PSOE Xosé Baqueiro chamaba recentemente a “retirar” da rúa as persoas que non teñen casa en aplicación dunha autodenominada “Ordenanza de Convivencia”, o folguista leve unha semana pernoctando no Obradoiro. Outras persoas son “retiradas” da rúa inmediata, e inxustamente, ao noso entender, mentres Javier permanece. Por que? Evidentemente: porque a causa que abandeira é da simpatía das autoridades municipais que, como sabes, están vinculadas ao aznarismo e a FAES.

      3ª Sobre a “cor ideolóxica” da actuación deste señor: defínese por si mesma (reivindicacións, apoios externos, etc.). Pretender que unha folga de fame contra o goberno dun país non ten cor ideolóxica é insustentábel. Dificilmente se pode dicir que este señor “só quere resolver a súa situación”, como apuntas, porque as súas reivindicacións explícitas nunha faixa en absoluto son “particulares”, senón políticas (rutura de relacións con Cuba, acusacións contra o sistema cubano, etc.). Realmente pensamos que pecaríamos de inxenuos se acreditásemos que é Cuba, o único país de América Latina onde existe sanidade universal, dereito á educación e os nenos non morren de fame, enfermidades curábeis, etc., o pior escenario imaxinábel para os dereitos humanos.

      Rematamos: a Candidatura do Povo limitouse a describir unha situación que existe desde hai oito días no Obradoiro, sinalar a hipocrisía do Concello na aplicación das súas propias normativas e evidenciar unha serie de contradicións flagrantes que delatan a existencia de distintas varas de medir. Máis nada. Dicir, por último, que nos resulta tamén chocante a permisividade da Policía Local coa exibición dunha faixa de dimensións considerábeis, cando de todos é sabido que EN TODO O TERMO MUNICIPAL está proibida, e é sancionada económica e xudicialmente, a colaxe de cartaces, o reparto de panfletos, a colocación de faixas, a realización de murais, etc. Aquí, unha vez máis, a lei que obra para Javier Fernández Castillo é evidente que é distinta da que se aplica aos membros de todas as asociacións locais.

      Gostaríamos de que ficasen claras as nosas intencións e a limpeza do noso traballo informativo.

      Recibe o saúdo da Candidatura do Povo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s