“Erik O Belga” declara a ‘El Correo Gallego’ que “roubar o Códice sería imposíbel sen axuda do persoal” da Catedral

É un experto a nivel europeu na materia. René Alphonse van der Berghe, coñecido mediaticamente como Erik O Belga, é autor do roubo de 6000 obras de arte sacra dos que 600 se produciron en Europa. Onte, en entrevista a El Correo Gallego, declarou que todos foron “satisfactorios” xa que “saíron sen que me prendesen”. Aos seus 72 anos, publica Por amor al arte, autobiografia editada por Planeta onde este amante do arte gótico e románico narra os seus “golpes” máis exitosos. Asegura que roubar arte “é un pracer”.

Interrogado polo diario católico local sobre se se arrepinte da súa actividade, Van der Berghe di que “non teño tempo para iso. Tenme completamente igual que me perdonasen” e, coa experiencia do profisional, apunta que gostaría de roubar a réplica da Gioconda exposta no Museu de El Prado (Madrid) porque “é máis bonita que a orixinal (…) e está mellor pintada”. Asegura tamén que quixo roubar o retábulo de San Miguel de Aralar guardado na Biblioteca do Vaticano, pero que, a pesar de que “era factíbel”, supuña  “un traballo longo que requería grandes investimentos”.

A extraña desaparición do Códice Calixtino, do que se descoñece o paradeiro desde o pasado mes de xullo, é tema estrela da entrevista. Ao respecto Van der Berghe é concluinte e apunta que sería “imposíbel” substraer o Códice sen unha importante cumplicidade “do persoal que tiña aceso a este libro”. Esta declaración coincide coas que Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museu da Catedral de Compostela, fixo o pasado domingo 26 de febreiro a La Voz de Galicia onde tamén apuntaba que para o roubo “axuda interna tivo que haber”.

Posíbel venda do Códice

Sobre este aspecto, Van der Berghe afirma que “non sei quen pudo mercalo porque non ten cabalística, pois existe unha copia perfecta”. Aos 72 anos e sen pelos na lingua, este profisional da substracción de obras de arte asegura que “non existe nengún anticuario que non sexa cúmplice no tráfico de obras de arte” e recorda que “se rouba máis de un millón de euros ao ano”. Aquí, as responsabilidades políticas e eclesiásticas dun roubo incríbel, que existen, continúan sen determinarse e o Códice continúa “en paradeiro descoñecido” escenificando a extraña normalidade duns poderes públicos que renuncian a protexer o patrimonio do País que malgobernan.

Deixar un comentario