Quen é o individuo que sucede a Conde Roa na alcaldía de Compostela?

Onte había caras tristes á saída da sede autonómica do PP. A equipa de goberno local reuníase con Núñez Feijoó para por en común a dimisión de Conde Roa e a súa sucesión polo edil de Cultura, Educación e Normalización Lingüística, primeiro tenente de alcalde e nº 4 Ángel Currás. A membro do Centro Superior de Estudios para la Defensa Nacional e nº 2 de Conde Roa, Paula Prado, que se barallara  como alcaldesa, permanecerá como deputada no Hórreo dadas as dificuldades do PP para substituila.

A pesar do perfil menos político que se presupón a un concelleiro de Cultura, Currás foi nestes 9 meses e medio que durou a xestión de Conde Roa o principal home de confianza do axente inmobiliario. Máis pausado e sobrio que o seu antecesor, acompañouno en momentos difíceis, como cando este, co seu típico estilo, se personara en novembro na Sala Yago para ameazar ás persoas que recuperaban o uso social do inmóbel. Daquela, Currás advertira a pais e nais de que “é unha temeridade meter nenos na Sala Yago”.

Uña e carne 
con Conde Roa

O curriculum do alcaldábel non deixa lugar a dúbidas sobre a súa identificación coa liña de extrema dereita de Conde Roa. A pesar de ser edil de Normalización Lingüística aprobou a suspensión da axuda municipal ao Correlingua por motivos políticos; aceitou a proibición da actuación do pallaso Leo Bassi polo feito de que ao seu superior lle producía “especial repugnancia”; participou,  e participa, na política de criminalización da xuventude chegando a afirmar, por exemplo, en febreiro, que “temos que evitar as concentracións de xovens”; asistiu ao Pleno Municipal do 29-M cando Compostela estaba en Folga Xeral, etc.

No pasado mes de decembro, evidenciando unha vez máis ser uña e carne co seu predecesor, personábase no Obradoiro xunto a un Conde Roa visibelmente alterado para bailar o ¡Arre, borriquito! ante un grupo de nenos e nenas. O patético vídeo puxo a Roa e Currás no centro da actualidade informativa estatal. Foi notoria tamén, entre o 5 e o 8 de abril, a presenza de Ángel Currás en representación (ilexítima) do goberno municipal en desfiles relixiosos.

Promotor do proxecto
da Cidade da Cultura

Onte, á saída da sede autonómica do PP, Currás posaba ante os medios con xesto de visíbel afectación xunto ao imputado por delito fiscal. Nacido en 1954, fixo parte do núcleo duro do goberno local deseñado polo anterior alcalde. É doutor en Ciencias Biolóxicas e catedrático no instituto Arcebispo Xelmírez I. Fruto das súas conexións institucionais foi director económico-administrativo de Santiago de Compostela, Ciudad Europea de la Cultura del año 2000 entre 1996 a 2000.

Entre 2000 e 2005, con Fraga Iribarne como presidente autonómico, foi director-xerente da Fundación Pública Cidade da Cultura de Galiza. O novo rexedor é por tanto un fervente valedor xa non só das políticas de substitución lingüística, senón tamén da continuación das obras na Cidade da Cultura, un proxecto que, neste momento, xa sobrepasou os 400 millóns de euros de investimento e consume cada día dous millóns das antigas pesetas na súa mantenza ordinaria (agua, luz, calefacción, limpeza, vixilancia, etc.).

Probabelmente, visto o visto, varien as formas, pero a ideoloxía, o programa e o proxecto de Ángel Currás para Compostela é o mesmo que o de Conde Roa. Precisamente por iso pode ser o seu sucesor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s