Deán da Catedral suxire pronta aparición do Códice Calixtino, pero di que “o problema non é encontrar ao ladrón”

A desaparición do Códice Calixtino do arquivo do museu catedralicio pasará á historia de Galiza como un de tantos acontecementos estrafalarios propios dunhas autoridades políticas e eclesiásticas incompetentes que mentalmente viven fora deste país. Hoxe, sumando capítulos a tan lamentábel serie, o deán de Compostela, José María Díaz, anunciaba, baseándose en fontes policiais, que “hai perspectivas positivas, moi positivas” para a recuperación do documento de mediados do século XII.

O que é un dos principais responsábeis da desaparición do manuscrito hai xa case un ano afirmou tamén que “o único que se me permite dicir é que hai perspectivas positivas”. Contodo, Díaz saltouse o protocolo, foi alén das demandas das súas fontes policiais e asegurou que “desde logo está desbotado aquel temor de que pudese estar xa no estranxeiro ou nun coleccionista”, evidenciando que a Policía española tería xa desbotadas determinadas hipóteses.

No seu ton peculiar, o Sr. Díaz afirmou tamén que “a policía científica ten experiencia en que un ladrón localizado e acosado corre (sic) e hai perigo de que poda queimalo ou desentenderse do obxecto”. Esta presunta necesidade de discreción para evitar que “o ladrón”, que sempre aparece nas palabras de Díaz como unha figura individual, destrúa o documento, contrasta co bombo mediático que as declaracións do deán tiveron hoxe en distintos medios entre os que figura o Telexornal de TVG das 14:30, con máxima audiencia.

Tese da colaboración
dentro da Catedral

O deán de Compostela anunciou coas súas declaracións a próxima reaparición do Códice, pero non a das persoas implicadas na substracción. Así, indo de novo alén das esixencias de discreción que lle demandaban as súas fontes, Díaz apuntou que “o problema nun caso destes non é encontrar ao ladrón, senón encontrar o obxecto”, algo que parece bastante contraditorio se falamos desde a óptica dun corpo policial e que, ademáis, suxire certo desleixo por parte de Díaz respecto á localización do/s autores/as da substracción.

A suxestión de que “o ladrón” malévolo ao que o deán atribúe todas as responsabilidades non sexa “encontrado”, recórdanos as declaracións de Ramón Yzquierdo, historiador, director do Museu da Catedral e profundo coñecedor da cuestión, que o pasado mes de febreiro declaraba a La Voz de Galicia que na desaparición do Códice Calixtino “axuda interna tivo que haber” en referencia á colaboración na substracción de persoas vencelladas á Catedral. Case un ano despois, as autoridades competentes continúan a protagonizar un capítulo estrafalario inzado de zonas oscuras, contradicións inexplicábeis e “anuncios” que, se non fose porque evidencian o grave estado de abandono do noso patrimonio nacional, provocarían o riso.

One thought on “Deán da Catedral suxire pronta aparición do Códice Calixtino, pero di que “o problema non é encontrar ao ladrón”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s