Ordenanza sobre vía pública pretende afogar a actividade do tecido asociativo local e apunta á necesidade da insubmisión

A case segura aprobación no próximo Pleno Municipal da Ordenanza Reguladora de Actividades, Instalacións e Ocupacións da Vía Pública é inseparábel da construción dun modelo urbano que, respecto á “participación cidadá”, se caracteriza pola limitación desta a órganos “consultivos” carentes de poder decisorio real, a política de restricións e vetos á actividade dos sectores máis organizados e dinámicos da veciñanza e o predominio claro do xogo antidemocrático de permisos, autorizacións e sancións por riba da garantía de dereitos.

Nesta estratexia foron decisivas as decisións do bipartido durante anos, que cristalizaron, p. ex., na aprobación de normas liberticidas como a Ordenanza Municipal de Publicidade Estática e Dinámica aínda en vigor desde a aprobación no pleno do 27 de maio de 2004, a conversión dos villeus –antigo nome popular dado aos axentes da Policía Local- nunha policía que exerce labores de control político, a expansión da videovixilancia no núcleo urbano ou o feito de que Compostela teña hoxe a ratio de policías por habitante máis alta do país a pesar de ser “unha cidade tranquila”.

Normativa sobre vía pública
é unha nova volta de porca

Agora, o PP, sabedor de que veñen tempos duros do punto de vista das medidas gubernamentais e a protesta social, prepara o terreno. Os art. 108 a 112 da Ordenanza Reguladora de Actividades, Instalacións e Ocupacións da Vía Pública son unha declaración de guerra ao exercicio das liberdades democráticas máis básicas, privatizan o uso público de rúas e prazas, converten a actividade do tecido asociativo en fonte de financiamento dun Concello que, en cambio, é incapaz de cobrar o IBI á Igrexa Católica e deseñan un sistema de autorizacións e permisos en que a arbitrariedade das autoridades locais –hoxe, da extrema dereita- é, ao final, o factor determinante.

A normativa será probabelmente aprobada porque os neofranquistas teñen o tecido asociativo no punto de mira, vontade política e, a pesar de contaren apenas co 26% dos votos do censo municipal, son maioría absoluta en Raxoi. Será un novo paso na conversión de Compostela nunha cidade que, á vez que disponibiliza todo para o turismo, é completamente restritiva para a veciñanza e, en particular, para os sectores desta que exercemos oposición ao goberno municipal ou producimos a este “especial repugnancia”, en palabras do antecesor de Ángel Currás.

Articular a insubmisión á norma

Á espera de que o Concello fixe as “taxas fiscais” polos distintos conceptos que aparecen na ordenanza, a normativa de vía pública, alén de ser unha chantaxe para afogar o tecido asociativo, vaise converter nun mecanismo de extorsión económica permanente. Para alén de ensaiar a vía legal, que poda tombar esta normativa por vulneración de dereitos constitucionalmente recoñecidos, o tecido asociativo de base debería prepararse colectivamente, na nosa opinión, para deseñar unha estratexia prolongada de insubmisión e conflito con Raxoi que impida que todos e todas sigamos perdendo dereitos e liberdades cando o seu exercicio vai ser mais necesario que nunca.

Artigos

Os artigos da ordenanza que están no centro do debate público son os seguintes. As negritas que aparecen sobre o texto son nosas:

CAPÍTULO II. MUDANZAS E OUTROS USOS SEMELLANTES DE CARACTER TEMPORAL

Artigo 108º

1. As reservas de ocupación e uso do espazo público de carácter temporal para a realización de mudanzas ou outros fíns como suministros de formigón e bombeo, vehículos de exposición, descarga de gasóleo, butano, mesas ou pequenas instalacións para reparto de publicidade comercial e outros semellantes deberase solicitar e obter a correspondente autorización municipal que será tramitada pola Concellería Delegada de Mobilidade e da que se dará traslado á área de axentes de tráfico, observando en todo caso as normas de circulación. Dita ocupación devengará a correspondente taxa fiscal.

2. A sinalización previa do espazo que se vai ocupar realizarase seguindo as indicacións sinaladas na autorización concedida; na que se fará constar asemade o tempo autorizado para o uso solicitado.

CAPÍTULO III. PROBAS DEPORTIVAS, ACTOS CULTURAIS, FESTAS POPULARES E ANÁLOGAS

Artigo 109º

1. Todos aqueles actos ou actividades de carácter deportivo, cultural, artístico, festivo ou similares, que supoñan o uso ou a reserva temporal do espazo público, deberán estar provistos da correspondente autorización municipal, sen prexuízo doutras autorizacións esixibles para a realización do evento.

2. A autorización será solicitada no Rexistro Xeral ou nos auxiliares do Concello ou polo procedemento telemático que no seu día se habilite, aboando a correspondente taxa fiscal e cunha antelación mínima de dez días á data prevista para a celebración do evento e se tramitará perante o Organismo municipal competente no ámbito da mobilidade, concederase condicionada a que ao termo de todos os actos as vías deberán quedar libres e expeditas, debendo responder os titulares da autorización dos danos ocasionados no pavimento das calzadas e beirarrúas, e retirar de inmediato calquera instalación ou plataforma colocada como consecuencia do acto celebrado. De levarse a cabo a instalación de aseos desmontables, estes deberán ser accesibles cumprindo a normativa correspondente sobre accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

3.- As conexións a servizos xerais municipais suporan o abono da correspondente taxa polo enganche a dito servizo e o abono posterior dos custos económicos orixinados pola utilización do servizo.

4.- Co fin de protexer o ambiente urbano fronte á contaminación acústica en especial e salvo autorización municipal expresa, na que se determinará o nivel sonoro e o horario de inicio e fin da actividade, que será tramitada  perante o organismo municipal competente no ámbito da mobilidade, prohíbese a utilización de aparellos de megafonía ou a reprodución de sons mediante altofalantes ou calquera aparello de amplificación do son. En todo caso, limitarase a repercusión máxima de ruídos no exterior do recinto onde se exerza a actividade e terase que manter dentro dos valores máximos permitidos segundo establece a Ordenanza municipal de ruídos, vibracións e condicións dos locais.

Artigo 110º

1. Como trámite previo á concesión da autorización e como condición de validez da licenza poderase esixir a constitución dunha garantía a todos os organizadores e responsables de cantos eventos de carácter cultural, festivo, deportivo ou similares desexen utilizar os bens públicos municipais, así como todo tipo de dependencias, instalacións e servizos de titularidade igualmente municipal. O devandito aval ou depósito garantirá todo tipo de responsabilidades que se orixinen, mesmo por posibles danos a terceiros, tendo especial relevancia o financiamento das reposicións do mobiliario urbano, limpezas, conexións a servizos xerais e demais gastos que puidesen orixinarse con motivo da celebración do evento autorizado.

2. Esta garantía ou aval non se devolverá aos organizadores e responsables dos eventos sen que previamente conste por escrito no expediente, a través dos informes técnicos correspondentes, que non se produciron danos aos bens e instalacións municipais. En caso de que se produciran , a garantía constituída destinarase con carácter preferente ao financiamento dos prexuízos ocasionados así como á limpeza e á reposicións que procedan, deixando de todo isto constancia no expediente.

3.- As atraccións feriais instaladas con motivo de celebración de festas disporán dun seguro que cubra os danos que se poidan producir durante o seu funcionamento e que conten coas pertinentes certificacións dos organismos competentes en materia de consumo, sanidade ou industria.

Artigo 111º

1. As autorizacións citadas concederanse en precario, polo que poderán ser revogadas cando circunstancias de tráfico, de risco ou outras de análoga natureza así o aconsellen.

2. Se os organizadores dos eventos non presentasen os correspondentes permisos, e se é o caso os avais, cando lles fosen requiridos polos axentes de tráfico ou polos axentes de mobilidade, poderanse suspender as actividades citadas.

Artigo 112º

1. Para a celebración deste tipo de actividades a entidade organizadora dispoñerá dos medios materiais e humanos establecidos na autorización. Se por feitos acontecidos con posterioridade á solicitude da autorización, os organizadores requirisen medios non incluídos na autorización que implicasen perigo para a seguridade viaria e estes non puidesen achegalos suspenderase o evento.

2. A entidade organizadora dos actos será a responsable de garantir o mantemento das medidas citadas ata a súa finalización. No caso contrario, os axentes de tráfico ou os axentes de mobilidade poderán suspendelos.

One thought on “Ordenanza sobre vía pública pretende afogar a actividade do tecido asociativo local e apunta á necesidade da insubmisión

  1. isto fede cada dia mais,eu menos mal que ja nom trabalho em compos pero contade que manha ali estarei as 17:00 pra espresares o meu noxo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s