Alcalde e concelleiros enzóufanse nunha espiral de promesas, inauguracións e investimentos co horizonte do 21-O

En Raxoi van a fume de carozo para contribuir a que a extrema dereita revalide a maioría absoluta na cámara autonómica o próximo 21-O. Rexedor, concelleiros e concelleiras encóntranse desde hai días nun ritmo tan vertixinoso como inusual de aparicións en bairros e parroquias, inauguracións de centros socioculturais, promesas á veciñanza de investimentos e obras, fotos, visitas a proxectos que están lonxe de rematarse, etc. A páxina web do Concello, que pagamos todos, dando conta desta hiperactividade municipal transitoria.

Da voráxine non escapa ninguén. Paula Prado del Río, un dos máis potentes cadros aznaristas do PP na corporación, que está pronta a ser chamada a responsabilidades superiores no organigrama do partido español e se presenta como nº 5 pola Corunha, visitaba o pasado día 23 o Centro Integral de Recuperación da Muller xunto á conselleira de Benestar Social Ana Mato. O centro aínda non está operativo. De feito, no día da visita publicábase no DOG o concurso para dotalo de móbeis, pero o obxectivo desta non era a revisión do resultado da obra, senón potenciar o rosto da candidata e difuminar o perfil de látigo antiabortista e valedora dura da familia patriarcal católica que ten Prado.

Recolledores de votos
porta por porta

Onde hai birretes hai sempre boinas que os sirven e outros que están que non paran son Juan de la Fuente e Francisco Noya. Conderronianos que lucían tristes rostos cando o seu superior tivo que abandonar a alcaldía por delitos contra a Facenda Pública, De la Fuente e Noya, como recolledores de votos a pé de rúa, patexan bairros e parroquias, prometendo el oro y el moro, inaugurando obras, anunciando investimentos e reuníndose con tod@ aquel/a que estexa disponíbel. A última desta serie atípica é a do boina De la Fuente inaugurando uns contentores de recollida de calzado e roupa usada da empresa Texlimca, S. A., á vez que facía propaganda subliminal -ollar as fotos- dos supermercados Gadis. Calquera cousa sirve.

Tamén o edil de Participación Cidadá e veciño de Vilestro, Francisco Javier Noya, anda sen paría. Reparte subsidios a tutiplén para un tecido veciñal afogado economicamente desde o Concello, inaugura a Semana Cultural da Rocha, presenta o proxecto de centro sociocultural para o Romanho, con centro de día incluido, inicia obras na Ponte Pedrinha e San Lázaro co de Vidám, arranxa o centro sociocultural de San Lourenzo, etc. Sería de agradecer que este ritmo de presentación de proxectos e iniciativas sociais e culturais se prorrogase despois do 21-O, pero non seremos inxenuas. Quen tiver interés pode seguir o rosario de inauguracións na web do Concello, que se puxo ao servizo da campaña electoral do PP como non podía ser menos.

Nen un voto para a extrema dereita!

O grupo municipal da Candidatura do Povo, alén de solicitar das autoridades locais que se dediquen ao que deben facer, en vez de a facer campaña para Alberto Núñez Feijoó El Austero, só queremos recordar que a actual equipa de goberno municipal é discípula fiel de todo iso contra o que loitamos todos e cada un dos días: recortes, privatizacións, supresións de dereitos sociais, Más España, dilapidación do erario municipal en obras innecesarias, sexismo, corrupción, ataques ás liberdades democráticas, relixión oficial, aumento da pobreza e o desemprego, monocultivo turístico de Compostela, Igrexa sen IBI, emigración da mocidade, etc. Convén lembralo pois: con actividade, ou sen ela, son os herdeiros políticos dos mesmos que deixaron tirado a Ánxel Casal nunha cuneta da estrada de Cacheiras.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s