O descontento veciñal é xeneralizado despois da imposición da nova ORA na Zona Vella

A imposición por parte da Concellaría de Mobilidade que dirixe Albino Vázquez Aldrey dun novo sistema de ORA para o casco histórico provocou desde a pasada segunda-feira 5 todo tipo de críticas e protestos. O primeiro dado evidente que salta á vista é que, coa redución dos tempos de estacionamento a 60 min., e a obrigatoriedade de retirar o carro despois deste tempo, os veciños e veciñas que teñen o seu posto de traballo na Zona Vella deberían saír deste cada hora para mover o veículo de lugar. Un dado que evidencia a limitada visión de clase que ten Vázquez Aldrey.

O novo sistema de ORA, que se chama “de curta duración” (60 min.), aplícase, por agora, na Virxe da Cerca, Arco e Praza de Mazarelos, Praza da Algalia de Baixo, Travesía e Praza da Universidade, Entre-praciñas e Fonte Seca. Os novos parquímetros que axiña substituirán aos vellos funcionan con moedas ou cartón de crédito, pero engaden a novidade de que a condutora ou condutor deben introducir co diñeiro o número de matrícula do seu carro. Este aspecto xa provocou em Facebook críticas por unha suposta vulneración da Ley de Protección de Datos.

Prezos e sancións

O tempo mínimo de estacionamento é de 17 min., cun custo de 15 céntimos e, para 60 min., aplícase o máximo permitido: 55 céntimos. A anulación das denuncias por superación do tempo permitido de estacionamento pasa a custar 2.90 euros, mais con duas esixencias: dispor do billete e que o tempo superado sexa menor a 30 min. Coa intención aparente de rizar o rizo por parte de Raxoi decídese que @s veciñ@s que retiren o seu carro da “zona de curta duración” non poderán volver a estacionalo nela ata pasadas duas horas, co que deberán desprazarse a outro punto da cidade, repetíndose o problema para a xente que traballa.

Tres operari@s da compañía Setex Aparki, S. A., seleccionada polo Concello como beneficiaria da xestión deste servizo que consideramos que, no caso de existir, debería ser municipal e producir para as arcas do Concello, axudan nestes días a usuarios e usuarias a se familiarizaren co novo sistema de cobros. O concelleiro de Mobilidade, alleo á vaga de críticas na rúa e en diversos foros da rede que xeraron as súas decisións, anunciaba indoente no diario local que “a xornada transcorreu con normalidade” e “non se rexistaron incidentes ao respecto”.

Incidentes

Con todo, a ORA exprés foi unha fonte de críticas e conflitos desde a pasada segunda-feira. Como expuxemos, os veciños e veciñas que traballan na Zona Vella (operarios e autónomos en comercios, bares, bancos, Mercado de Abastos, medios, administracións, comerciais, etc.) xa non poderán estacionar o carro nas proximidades do centro de traballo, o que implica, forzosamente, ou utilizar aparcamentos subterráneos, co conseguinte gasto engadido, ou estacionar nas zonas sen ORA que aínda fican ás aforas da cidade.

Tamén os comerciais que distribuen material aos distintos negocios manifestaron o seu descontentamento coa medida municipal. Sergio G. e Diego F., por exemplo, preguntábanse “Como vamos transportar os sacos de roupa que levamos ás loxas” co novo sistema de ORA que obriga a mover o carro continuamente. De feito, incluso a asociación de comerciantes Compostela Monumental, cunha directiva historicamente ligada aos sectores máis regresivos do Partido Popular, tivo que levantar a voz cuestionou o “escaso” límite de tempo que “á longa, vai ser negativo para o comercio”.

Raxoi fixo do problema
un atractivo negocio

É inegábel que o problema do tráfico e o estacionamento non é de fácil solución, e que calquera alternativa con futuro pasa, necesariamente, porreducir o uso do carro particular, potenciar o transporte público municipal e instalar no perímetro da cidade aparcamentos comunicados co centro por transporte público que eviten os típicos engarrafamentos. Outra solución realista non se alvisca, sendo Compostela unha capital administrativa, comercial, universitaria e sanitaria onde afluen a diario miles de persoas de toda a comarca e o país.

A extrema dereita municipal, no entanto, non está por este tipo de labores. Prefire, como é notorio, facer do problema un suculento negocio privado, engrandecelo coa multiplicación das infraestruturas nun círculo infernal no que máis veículos esixen máis estradas e debilitar así o transporte público municipal e metropolitano, que sería unha das chaves fundamentais para construir un entorno urbano humanizado, sen o actual caos de tráfico, con menor consumo de combustíbeis e unha redución significativa da contaminación.

Estrés colectivo

Nesta visión rápida dun problema onde se mestura a extorsión dunhas economías familiares moi tocadas, o consumo irracional de combustíbeis, a contaminación, a perda de tempo en engarrafamentos, etc., etc., non é cuestión menor para a saúde física e psíquica o dano colateral do aumento do estrés cidadán coas novas limitacións de tempo. A ORA exprés será un elemento máis que contribua –xa o está a facer- a un modelo urbano construido sobre as presas, a incomunicación entre a veciñanza e o estrés de cumprir cos horarios de Setex Aparki para non sermos vítimas da súa política de sancións. É, neste tipo de medidas concretas, onde sí se percibe con claridade o modelo de cidade tan distinto que defende a extrema dereita municipal e o que defendemos os movementos populares.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s