Veciñanza de Compostela é sometida a un intenso proceso de perda de poder adquisitivo e empobrecemento

DesempregoO desemprego na nosa cidade aumentou en 501 persoas en xaneiro. Chegamos así aos 9.790 desempregadas e desempregados oficiais, que supoñen en realidade unha cifra superior, xa que a metodoloxía de contaxe do desemprego está trucada para maquillar o resultado oficial. O sector servizos, o máis golpeado pola crise, concentra 6.819 destes desempregados e desempregadas. A taxa actual de desemprego é do 20.4%, o dobre que hai apenas catro anos.

Dados de outras fontes, como o Instituto Galego de Estatística, confirman o proceso masivo de perda do poder adquisitivo que suporta a clase traballadora na nosa cidade e tamén a situación límite na que se encontran milleiros de familias. Segundo o IGE, 5.508 fogares de Compostela, é dicer, o 15.19% dos existentes, teñen neste mometno graves dificuldades para chegaren a fin de mes.

Ingresos nas casas

Segundo a Encuesta de Población Activa, desde 2007, ano no que se data o inicio da crise sistémica, os ingresos medios por fogar experimentaron unha tendencia descendente. Neste ano, situábanse en 2.528 euros mensuais, mais hoxe encóntranse en 2.378 euros, é dicer, produciuse un descenso do 6% nos ingresos familiares.

A reforma laboral aprobada polo PP “para criar emprego” é, obxectivamente, á vista da estatística oficial, unha das causas da súa destrución masiva. Así, o ano pasado esta reforma posibilitou 138 regulacións de emprego que enviaron para a rúa 1.550 traballadores e traballadoras de Castrosúa, Finsa, Panrico, Daviña, Intelsis, Tórculo, etc.

Fracaso do modelo

O deseño económico e sociolaboral definido para a capital galega evidencia neste contexto de crise todas as súas limitacións endóxenas. Así, o presunto maná turístico, que xeraría emprego aeito co incremento constante do sector no PIB local, evidenciou ser un auténtico fiasco que, para alén de afondar na dependencia externa, foi incapaz de producir emprego e, sobre todo, emprego de calidade. As cifras mensais de ocupación hostaleira, como un dos indicadores posíbeis, están ai para demostralo e todo indica que o problema non é redutíbel á mudanza das políticas de promoción no exterior, como acredita a concelleira Reyes Leis.

Por outra parte, a non-potenciación do sector agrario, deixado en completo abandono; a falta dunha aposta real pola economía produtiva local, o sobredimensionamento do sector servizos e a política municipal contra o comercio minorista e a favor das grandes áreas están a favorecer o panorama descrito e a agudizar un escenario en que o 23% da veciñanza xa vive no límite da pobreza, encanto a emigración foi a alternativa para 1.703 veciñas e veciños menores de 34 anos en 2011.

Alternativas

As liñas de traballo para o futuro dedúcense da superación deste modelo e da implicación forte por parte do Concello na criación de emprego de calidade, utilizando os limitados recursos legais que ofrece a Ley de Bases de Régimen Local. Cun incremento do desemprego de máis do 30% desde que gobernan en Raxoi os neofranquistas, consideramos que tanto desde a rúa como desde a institución municipal é tempo de dar un golpe de leme ás políticas da concelleira de Emprego Paula Prado que só pode vir da man dunha nova maioría no Concello.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s