Juan de la Fuente “amañou” facturas falsas para que asociacións de veciños amigas xustificasen subsidios

Juan de la_FuenteSuma e segue. Xa non se trata só de que a Operación Pokémon incendie Raxoi, senón que, despois de casos como o das obras na Virxe Branca, que se iniciaron sen asinar o contrato coa empresa, agora novas corruptelas saltan aos medios informativos. A última é que Juan de la Fuente, concelleiro de Obras ata hai pouco, e agora subordinado à superconcelleira María Pardo, falsificou facturas para xustificar subsidios municipais a asociacións veciñais amigas.

A lebre salta hoxe nas páxinas locais de La Voz de Galicia. Segundo o diario, que mantén unha prolongada guerra de desgaste coa equipa de goberno municipal, Juan de la Fuente “colaborou cos responsábeis da Asociacións de Veciños de Verdia para xustificar gastos da entidade co fin de que esta cobrase un subsidio municipal”. De La Fuente facilitou facturas de Almacenes Garabal, na rúa Calderaria, por valor de 2.450 euros e tamén de Gráficas Garabal por 2.650 euros.

Dase a casualidade de que o citado edil traballou durante anos nestes armacéns e foi o seu administrador único entre marzo e maio de 2012. É rechamante tamén que a primeira factura a nome dos armacéns faga referencia a produtos que non se venden en Almacenes Garabal como “palillos e pelotas para xinasia”, xa que se trata dunha tenda téxtil.

Traballadores municipais
detectaron a falsificación

Técnicos do departamento de Participación Cidadá rechazaron estas facturas, que son case idénticas a outras apresentadas pola A. V. Mestra Vitória Miguez, de Vidám, da que Juan de la Fuente foi presidente e da que, actualmente, é vogal. A diferenza radica na cantidade que se di ter abonado a Almacenes Garabal, que é no segundo caso de 3.190 euros, e na data de emisión.

O presidente da A. V. de Verdia, Antonio Otero Sabell, admitiu que “debido a problemas de saúde”, recurreu a De la Fuente para facer os trámites das axudas municipais. Otero díxolle a un funcionario de Relacións Veciñais que foi Juan de la Fuente o que lle “amañou” os papéis e admitiu que as actividades do local son organizadas polo Concello en vez de pola asociación. A pesar da escasa actividade recoñecida, Verdia fixo un gasto en material de funcionamento de 2.650 euros e Vidám de só 980.

O caso non se investigará

O concelleiro Francisco Noya e o alcalde Ángel Currás sairon hoxe mesmo en defensa da honorabilidade de De La Fuente, mais achegando un argumentario extremadamente débil que evidencia que no caso hai gato encerrado. Así, por exemplo, ao tempo que anunciaron en ton imperativo que “non hai nada que investigar”, a pesar da opinión dos funcionarios locais, Noya afirmou que De La Fuente non ten hoxe “nengunha vinculación” cos armacéns, como se isto probase a veracidade das facturas.

Pola súa parte, Currás negou a falsificación das facturas e dixo en español que “se hai unha factura que ten un número, un CIF, está cuberta e asinada, esa factura é válida” (sic). Ambos cargos incidiron en que o Concello non investigará o caso, nenguneando a valoración feita polos traballadores do citado departamento municipal.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s