Juan de la Fuente denega o aceso a puntos de luz pública ás asociacións “que non sexan veciñais”

Juan de laFuenteO Concello dá unha nova volta de porca contra o exercicio das liberdades. Agora, é o edil de Vías e Obras, Juan de la Fuente, imputado por falsificación de documentos, quen decide que Raxoi denegue a concesión de puntos de luz a asociacións “que non sexan veciñais”. A “idea”, que parece ser obra do seu intelecto individual, deixaría sen luz por sistema, cun criterio arbitrario, os actos na rúa dos colectivos e organizacións folclóricas, culturais, sindicais, xuvenis, políticas, ecoloxistas, etc. da cidade.

As organizacións feministas xa probaron este domingo a nova lex, que non está recollida en nengunha normativa, cando Raxoi denegou o punto de luz que facía posíbel o emprego da megafonía ao final da manifestación. O propietario dun bar próximo a Pratarías posibilitou que se pudesen ler as comunicacións finais, saltando o veto do Concello. Esta mañá, a Candidatura do Povo tamén certificou en Raxoi que tiña un problema similar, ao non se lle conceder o aceso á rede eléctrica para celebrar a cacharela de San Xoán.

Reunión con De la Fuente

O coordenador xeral da Candidatura do Povo, Ricardo Picáns, acudiu hoxe ao despacho de De la Fuente tras constatar os problemas para aceder aos puntos de luz públicos para a noite do 24 de xuño. De la Fuente era coñecedor de que outras asociacións, como o centro social O Pichel, tamén eran obxecto da proibición mais resolveu co seu estilo característico que “non sabemos nada delas porque non son asociacións veciñais” (sic).

Sumando arbitrariedade tras arbitrariedade, o edil de Vías e Obras comunicou a Ricardo Picáns a ocorrencia de que “nos casos onde nun bairro haxa duas ou máis asociacións de veciños só unha terá aceso á rede eléctrica” para celebrar eventos na rúa. A elección dependerá de cal sexa “máis representativa”, é dicer, en ausencia de criterios obxectivábeis para definir esta condición, a que resulte do agrado do Concello.

Fenosa e Daviña

O imputado De la Fuente alegou que esta política “é debida á factura que o Concello ten coa Fenosa”, a cal tería levado á multinacional eléctrica a ameazar as autoridades municipais con lles curtar a luz en xogos do Obradoiro ou o Autos Lobelle, deixando en evidencia a Raxoi. Aliás, o edil, acostumado ás dinámicas clientelares e os favores, suxeriu á Candidatura do Povo “falade con Daviña” –a empresa á que o Concello ten contratado o alumeado público- “para que vos poña un xerador”.

É significativo o argumento de De la Fuente de atribuir o gasto eléctrico municipal ao tecido asociativo de base, cando Raxoi celebra eventos públicos cun consumo eléctrico amplamente superior ao dos actos na rúa. Sen ir máis lonxe o próximo concerto do cantante español Raphael, cuxo contrato custará á veciñanza a cantidade de 45.000 euros por unha noite e con cobro de entradas a 20 e 25 euros.

Haberá cacharela
sexa como for

Máis un ano celebraremos a cacharela baixo unha solución aínda por decidir. Envolvidas e envolvidos nos preparativos da festa do solsticio de verán, só queremos apuntar que o imputado Juan de la Fuente non ten nengunha lexitimidade para decidir que asociacións, colectivos e organizacións poden estar na rúa con plenos dereitos e cales non. Se callar, o rol de recolledor de votos do PP en bairros e parroquias, que o leva a verse imputado en práticas nada honorábeis,  se subiu á cabeza do edil, mais nengunha decisión que él ou o Concello adopten respecto ao tecido asociativo local se vai aplicar na rúa sen pagar a correspondente portaxe de contestación e desobediencia.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s