Reivindicamos a expropiación da Catedral pola Xunta de Galiza antes da súa ruína total

Catedral_Obras_A Catedral de Compostela é unha peza esencial do patrimonio histórico-artístico nacional hoxe en mans exclusivas da Igrexa Católica, xestora e beneficiaria da basílica e da actividade económica millonaria que se xera nela. A deterioración observada por expert@s en arquitectura e restauración nas duas torres principais, a terraza da Escalinata, a parte inferior da fachada principal e o cimborrio abriu o debate da restauración, a procedencia dos fondos necesarios para acometela e, tamén, sobre a propriedade do templo.

Descúbrese agora que as restauracións feitas con cemento nas décadas de 40 e 80 na torre do norte, ou da Carraca, posibilitaron filtracións masivas de auga durante anos e a deterioración da pedra e elementos escultóricos da basílica. Esta situación é ainda máis grave na Torre do Sul, polo que a actuación para frear a ruína é urxente. Os dados facilitados por distintos medios confirman, unha vez máis, o desleixo con que a Igrexa Católica trata o noso patrimonio baixo a súa propriedade e que se pode comprobar en múltiples puntos da nación.

A urxencia da restauración puxo sobre a mesa a contradición entre a propiedade privada do inmóbel, a súa condición de patrimonio das galegas e galegos e o feito de que, agora que urxe un importante investimento, a Igrexa que recibe do Estado español 10.000 millóns ao ano, solicite que sexan as administracións quen carguen cos gastos. De feito, dos 3.495.000 euros que, segundo distintas informacións, son necesarios, o Ministerio de Fomento e o Consorcio de Compostela xa anunciaron que sufragarán unha boa parte.

Expropiación urxente

BibliaA contradición é evidente: se a Igrexa é propietaria exclusiva da basílica e da actividade económica que nela se produce, é ela quen debe asumir os gastos, renunciando a campañas vergoñentas como Hazte amigo de la Catedral (*) que a curia desenvolve nas últimas semanas con vocación recadatoria. O financiamento estatal masivo desta institución fai con que as cantidades necesarias estexan garantidas.

Mas, por tratarse dunha peza fundamental do patrimonio nacional deste país, a Catedral de Compostela debería ser expropiada para o patrimonio público pola Xunta de Galiza, rematando coa actual situación de apropiación exclusiva, abandono e conversión da restauración nunha nova fonte de negocio sumada ao impagamento do IBI no Concello polo seu importante parque inmobiliario, as inxeccións financeiras do Estado, o descontrol económico interno, etc. A Candidatura do Povo reivindica a inmediata expropiación pública da Catedral para a súa protección integral e o remate dun negocio carente de control fiscal e disfrazado de espiritualidade.

(*) Repara no feito significativo de que, apesar de que esta campaña está dirixida ao público galego, só utiliza o español e o inglés como linguas de comunicación. O desprezo da Igrexa Católica oficial pola identidade desta nación é absoluto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s