Raxoi contrata á empresa amiga Price Waterhouse Coopers a auditoría para “coñecer o estado das contas municipais”

Foi antonte e por vía de urxencia. A Xunta de Goberno Local -integrada só por edis do Partido Popular– adxudicou a elaboración dunha auditoría municipal á consultora norteamericana Price Waterhouse Coopers por un importe de 102.000 euros. A pesar do elevado custo, Paula Prado, portavoz da XGL, manifestou a súa “satisfacción” por reduciren o importe inicial da operación en 45.000 euros. A auditoría que agora comeza prolongarase durante 26 semanas. As nosas dúbidas respecto da súa necesidade, do elevado custo e da empresa encargada son tan notábeis como para compartillalas coa veciñanza.

A execución desta auditoría é, desde xullo, en que fora anunciada despois da toma de posesión de Conde Roa, unha teima persistente do rexedor local que nos vai saír nun ollo da cara. De feito, trátase dunha acusación velada, e propagandistica, á xestión do diñeiro público por parte do bipartido PSOE-BNG. Non seremos nós quen poña a man no lume por nengunha destas formacións, pero é chamativo que existindo mecanismos institucionais, como o Consello de Contas de Galiza, que fiscalizan as contas das administracións públicas, Raxoi recurra á maior firma de servizos profisionais do mundo por volume de facturación para auditar as contas de Compostela.

Empresa amiga do PP

PwC é unha empresa que xa auditou, por exemplo, o proceso de fusión de Caja Madrid e Bancaja por encargo de Rodrigo Rato. Este señor foi ministro de Economía do PP e director xerente do FMI, sendo actualmente presidente de Bankia. Price Waterhouse Coopers tamén foi seleccionada pola Consellaría de Sanidade que presidía Pilar Farjas (PP) para asesorar a adxudicación do Novo Hospital de Vigo que, curiosamente, seleccionaba o Consorcio do que fai parte Bankia. A maiores, un dado que esperta aínda máis a nosa suspeita: Luis de Guindos, actual ministro español de Economía, está tamén vinculado a esta poderosa compañía desde 2008 e é chefe dos seus servizos financeiros. Canta coincidencia.

Certamente, non son dados concluintes, pero como desconfiamos por principio da honestidade dos membros do goberno local as nosas perguntas abrollan como flores en primavera. Por que non se encargan as institucións públicas de fiscalizar as contas municipais de Compostela e sancionar calquera responsabilidade penal? Por que se entrega a tarefa a unha poderosa compañía con evidentes conexións co PP? É unha necesidade real esta auditoría? Vamos ter que pagar a PwC a campaña permanente de Conde Roa que sempre encontra no pasado a razón dos males do presente? Alguén debería responder.

Dado “invisíbel”
nas actas da XGL

Alén da aprobación da concesión da auditoría “por urxencia”, surprendeunos o carácter marxinal que ocupa o contrato con Price Waterhouse Coopers na acta da Xunta de Goberno Local, frente a outros pontos de menor importancia e proxección mediática. Concretamente, a alusión á transnacional aparece ao final da acta, por debaixo incluso dunha declaración en que o órgao municipal integrado exclusivamente por membros do PP manifesta o seu pesar polo falecemento dun ex ministro de Interior da ditadura militar.

1 thoughts on “Raxoi contrata á empresa amiga Price Waterhouse Coopers a auditoría para “coñecer o estado das contas municipais”

  1. Pingback: Raxoi contrata á empresa amiga Price Waterhouse Coopers a auditoría para “coñecer o estado das contas municipais”

Deixar un comentario